En Marea propón unha tarifa eléctrica fixa que garantiría a viabilidade de Alcoa

En Marea propón unha tarifa eléctrica fixa que garantiría a viabilidade de Alcoa
En Marea propón unha tarifa eléctrica fixa que garantiría a viabilidade de Alcoa

Plantexa a creación por Real Decreto Lei da tarifa ARENHH (40-42 €/MWh ) para centrais xa amortizadas, similar á instaurada en Francia

Co obxectivo de buscar unha solución para o futuro de empresas electrointensivas coma Alcoa, Ferroatlántica, Celsa ou Megasa e evitar o expolio aos consumidores na factura da luz, En Marea vén de facer unha proposta de emerxencia que bautizou como "Tarifa ARENHH" (Acceso Regulado á Enerxía Nuclear e Hidráulica Histórica), un modelo similar ao que xa se aplica en Francia e aprobada pola Unión Europea.

A iniciativa, defendida esta mañá en rolda de prensa polo deputado Francisco Casal e que será sometida a debate dos grupos no Parlamento de Galicia, insta ao Ministerio de Transición Ecolóxica a establecer un prezo fixo de entre 40 e 42 €/MWh á que terían que acollerse, de maneira obrigatoria, os produtores de enerxía eléctrica de orixe nuclear ou hidráulico con contratos a longo prazo dun mínimo de 10 anos e garantiría a viabilidade da industria electrointensiva.

"Xogámonos miles de postos de traballo", sinalou Casal, que lembrou que só na Mariña luguesa a desaparición de Alcoa suporía unha catastrofe económica e social e a desaparición do 30% do PIB da provincia de Lugo. " Que estas centrais segan a vender a prezo de Pool supón regalarlles ás eléctricas un mínimo de 1.740 M€ ao ano, os coñecidos como beneficios caídos do ceo, que pagamos empresas e fogares, tendo en conta que a produción nuclear en 2018 foi de 52 TWh e a hidráulica de 35 TWh", engadiu.

Para o parlamentario de En Marea "as medidas contempladas na actualidade polo goberno do Estado para paliar a situación das electrointensivas redúcense a aplicar ata o máximo autorizado pola UE as compensacións por custos indirectos dos dereitos de emisión de CO2, por importe de 200 M€, e a manter as poxas de interrumpibilidade por un importe similar".

"Dende En Marea acabamos de coñecer que o Ministerio de Transición Ecolóxica tiña preparado un Real Decreto cunha Proposición de Lei que plantexaba algo moi semellante a isto, pero nunca veu a luz pola presión dos lobbis, dos que participan políticos coma Aznar e González, que campan ás súas anchas polos consellos de administración das principais eléctricas", concluíu.

Comentarios