Denuncian un brote de sarna nunha residencia de maiores de Santiago

Denuncian un brote de sarna nunha residencia de maiores de Santiago
Foto: Internet
Denuncian un brote de sarna nunha residencia de maiores de Santiago

O sindicato critica que non se aplicou con celeridade o protocolo de illamento cando se diagnosticou o primeiro caso e que as traballadoras deben pagar o custo do tratamento profiláctico das súas familias

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia o desleixo da mutua ante un brote de sarna na residencia de maiores Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, así como o «descontrol» á hora de aplicar o protocolo de prevención. Segundo o sindicato, en canto se diagnosticou o primeiro caso non se illou decontado a persoa afectada, polo que a día de hoxe hai xa oito casos, non descartándose que a cifra aumente.

Desde CCOO explican que o primeiro caso foi detectado o pasado venres, 10 de maio; o luns eran xa catro e o martes, oito (sete persoas usuarias e unha traballadora). «Se existe un protocolo, parece claro que neste caso fallou», critican fontes do sindicato.

Canto á traballadora afectada, acudiu á mutua contratada pola residencia, neste caso, a Mutua Gallega. Alí indicáronlle que ata a semana que vén non a podían atender, polo que a derivaron a un centro privado da Coruña, que foi onde a atenderon. Asemade, indicáronlle que o tratamento profiláctico para a súa familia e mascota debía correr do seu peto, xa que non o cobren os servizos da mutua nin a seguridade social.

Posteriormente, outras dúas traballadoras acudiron á mutua con carácter preventivo. A unha déronlle o tratamento profiláctico, pero á outra derivárona ao seu centro de atención primaria. Para CCOO, isto «é mostra de que a propia Mutua Gallega non sabe como actuar».

Comisións Obreiras insta as autoridades sanitarias a actuar neste caso e, se fose necesario, perante a mutua colaboradora. Así mesmo, cualifica de «inaceptable» que as traballadoras e traballadores teñan que correr cos gastos derivados do tratamento dunha doenza contraída no centro de traballo, ou co custo da profilaxe para as súas respectivas unidades familiares.

Comentarios