En Marea reivindica políticas que promovan o emprego do galego

En Marea reivindica políticas que promovan o emprego do galego
En Marea reivindica políticas que promovan o emprego do galego

O voceiro e a vicevoceira denuncian a prohibición de ensinar asignaturas de ciencias en galego e demandan que a Xunta defenda os dereitos lingüísticos

En Marea denuncia os pasos atrás que as políticas lingüísticas da Xunta de Galicia teñen experimentado nos últimos anos e insta ao goberno galego a implicarse de xeito activo e efectivo na defensa do galego. No día das Letras Galegas o voceiro e a vicevoceira da formación denunciaron a anomalía democrática que supón o feito de que nas aulas de Galicia non poida ensinarse matemáticas ou física e química na lingua propia. Tamén a candidata de En Marea-Compromiso por Europa reivindicou a necesidade dunha maior implicación das administracións na defensa do galego. E instou ao goberno central a demandar a oficialidade da lingua galega no Parlamento europeo.

"Cando hai unha dictadura, toque de queda, a xente ten que quedar na casa sen poder saír. Iso é o que está acontecendo coa lingua galega na ciencia desde que goberna Núñez Feijóo. Temos unha prohibición legal de poder explicar en galego as matemáticas, a física… Unha situación predemocrática, un estado de excepción co que queremos rematar xa", denunciou dende a manifestación de Queremos Galego en Lugo o voceiro de En Marea. Luís Villares criticou as políticas restritivas e totalmente contrarias á promoción e defensa do galego impulsadas polo goberno do Partido Popular. E destacou que, se "en Galicia non hai extrema dereita é debido a que os designios de Vox están cumpridos polo PP de Núñez Feijóo. Por iso hoxe temos que reclamar liberdade, igualdade e xustiza para o galego en relación co castelán. Para poder vivir con liberdade no ensino, pero tamén na ciencia", indica Villares. Que destaca a importancia estratéxica do eido científico. "O futuro está na ciencia, na tecnoloxía, e Feijóo ten prohibido o uso do galego nese ámbito. É momento de levantar esas prohibición para que explicar matemáticas en galego nos centros de ensino deixe de ser ilegal", reivindica.

Dende a manifestación de Queremos Galego en Santiago tamén a candidata de En Marea-Compromiso por Europa reivindicaba unha aposta clara e decidida das administracións en defensa da lingua. Lidia Senra esixiu que o goberno galego deixe de poñer paus nas rodas e dunha vez por todas poña en marcha políticas activas que garantan os dereitos lingüísticos das galegas e galegos. “Queremos vivir con normalidade en galego todos os días do ano, e é a súa obriga protexer a nosa lingua", indica a candidata da formación para as eleccións europeas do vindeiro día 26.

Máis aló do eido autonómico, Lidia Senra apelou tamén á necesidade de que o goberno central actúe para defender o carácter plurilingüístico do estado e para garantir os dereitos das linguas diferentes do castelán en Bruselas. "Queremos reivindicar que o goberno do estado dea un paso adiante e comunique ás instituicións europeas que quere que o galego sexa tamén lingua oficial no Parlamento europeo", demanda a candidata.

Tamén dende a manifestación de Compostela, e acompañada doutros membros da formación, como o tamén candidato ás europeas Xoán Hermida, a vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, reivindicou a defensa da “lingua, a cultura e o patrimonio material e inmaterial. Pensamos que a nosa língua está esmorecendo porque as políticas lingüísticas non son as axeitadas. Dende que entrou o goberno de Feijóo hai unha marcha atrás en política lingüística", denuncia a Seijas. Que reivindica unha aposta decidida "pola nosa lingua. Son necesarias políticas que impliquen a defensa do galego en todos os ámbitos da vida, especialmente na comunicación e no ensino das ciencias", indica a vicevoceira de En Marea. Que anima a "celebrar o Día das Letras e a defender a posibilidade de vivir en galego os 365 días e noites do ano".

Comentarios