Este venres ábrese o tramo Arzúa-Lavacolla da A-54

Este venres ábrese o tramo Arzúa-Lavacolla da A-54
Este venres ábrese o tramo Arzúa-Lavacolla da A-54

O orzamento da obra ascende a 138 millóns de euros

O Ministerio de Fomento ultima os traballos para a posta en servizo, o vindeiro venres 24 de maio, do tramo Arzúa-Lavacolla da autovía A-54, entre Lugo e Santiago de Compostela.

Este novo tramo de autovía, informan desde Fomento nun comunicado, supoñerá un avance na execución desta infraestrutura entre Lugo e Santiago de Compostela, que pasa a ter 66 km en servizo do seu 94 km totais.

Mentres, continúan as obras dos dous últimos tramos cos que se culminará a execución da A-54: os tramos Palas de Rei-Melide e Melide-Arzúa.

O tramo Arzúa-Lavacolla substituirá funcionalmente á estrada N-547, paralela ao Camiño Francés a Santiago de Compostela, permitindo unha importante mellora da seguridade viaria, así como unha redución de 15 minutos respecto ao tempo de percorrido actual pola N-547.

Ademais, supoñerá unha mellora da seguridade viaria para os peregrinos do Camiño Francés, que teñen actualmente cinco cruces na N-547 nese tramo.

Así mesmo, coa posta en servizo deste novo tramo da autovía A-54, mellóranse de forma notable os accesos á capital de Galicia de fronte ao próximo ano Xacobeo 2021.

O tramo, de 18,5 km de lonxitude, iníciase ao oeste de Arzúa e finaliza en Lavacolla (Santiago), moi preto do Aeroporto de Santiago de Compostela, discorrendo polos termos municipais de Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela.

Comentarios