O TSXG fala e aclara que a prestación social substitutoria debe computar para os trienios do persoal laboral da USC

O TSXG fala e aclara que a prestación social substitutoria debe computar para os trienios do persoal laboral da USC
O TSXG fala e aclara que a prestación social substitutoria debe computar para os trienios do persoal laboral da USC

En opinión do alto tribunal galego, o lugar en que se desenvolvía a prestación social substitutoria dependía, en último termo, das Administracións públicas e era un servizo por razóns de utilidade pública e nun réxime de equiparación do servizo militar

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dálle a razón a Comisións Obreiras (CCOO) e determina que a prestación social substitutoria debe computar para os efectos de trienios do persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A demanda de conflito colectivo promovida por CCOO contra a USC e os sindicatos CIG, CSI-F e UGT, reivindicaba que a prestación social substitutoria —alternativa ao cumprimento do servizo militar obrigatorio, suprimido en 2001—, computase para os trienios do persoal laboral.

No acto de conciliación previo, as partes denunciadas alegaron que só podían computar os servizos de prestados nas Administracións públicas. Porén, o TSXG rexeitou eses argumentos.

En opinión do alto tribunal galego, o lugar en que se desenvolvía a prestación social substitutoria dependía, en último termo, das Administracións públicas e era un servizo por razóns de utilidade pública e nun réxime de equiparación do servizo militar. Asemade, tanto a xestión, como o control e a supervisión competía ás Administracións, mesmo se tiña lugar en entidades distintas.

Por esta razón, o TSXG estima integramente a demanda de CCOO e sentencia que esta prestación social compute integramente para os efectos dos trienios do persoal laboral, sen que poida haber discriminación respecto de quen fixo o servizo militar obrigatorio ou prestou servizos durante ese tempo nunha Administración pública. Contra esta sentenza só cabe recurso de casación perante o Tribunal Supremo.

Comentarios