Agustín Hernández quere modernizar o transporte público da cidade

Agustín Hernández quere modernizar o transporte público da cidade
Agustín Hernández quere modernizar o transporte público da cidade

Promete acabar co retraso continuo da súa modernización e o deterioro progresivo dun sistema “que nos transporta ao século pasado”

A modernización do transporte público nos primeiros meses de mandato é unha das cláusulas capitais comprometidas no contrato-programa asinado por Agustín Hernández na súa candidatura á alcaldía de Santiago.

Para o candidato popular “é un contrasentido, falar dunha cidade amigable co peón, de reducir o tránsito de vehículos privados e de concienciar á cidadanía para que deixe os seus coches nos aparcamentos da periferia, se non se traballa con eficacia e rigor por mellorar e adaptar o transporte urbano colectivo.

O que se fixo ata o de agora foi afondar nese contrasentido, retrasando continuamente a modernización do transporte público e permitir o seu deterioro progresivo. Temos un transporte que nos transporta ao século pasado”. O deterioro deste servizo esencial queda patente nas 325 deficiencias detectadas hai dous anos no conxunto dos 41 autobuses e do deterioro de postes informativos e marquesiñas  “consecuencia dunha continuada neglixencia no control e supervisión deste servizo por parte do Goberno de Compostela Aberta”.

Hernández lamentou que o actual Goberno local manteña o servizo de transporte público sen contrato desde febreiro de 2017 e que nos últimos anos renunciara a esixirlle á empresa a renovación de 11 autobuses á que estaba obrigada e que o anterior Goberno do Partido Popular comezara a tramitar.

Mesmo chegou a votar en contra dunha proposta aprobada polo Pleno en xaneiro de 2016 nese sentido. Ademais denunciou outros incumprimentos de acordos plenarios por parte do Goberno para  modernizar o servizo, como a instalación de postes e marquesiñas, a ampliación de frecuencias en determinados traxectos –en especial no servizo ao polígono do Tambre-, a mellora da accesibilidade ao rural ou a ampliación de bonificacións.

UNHA NOVA PROPOSTA

A proposta de modernización do Partido Popular vai dirixida á mellora das conexións e frecuencias cos “centros neurálxicos” do territorio (aeroporto, intermodal, polígonos empresariais, campus universitario, áreas sanitarias e rede de aparcadoiros disuasorios), coa redefinición de liñas, con información puntual e fiable nos percorridos, con maiores conexións co rural –activando alternativas como o bonotaxi, bus escolar compartido ou transporte á carta-, melloras tecnolóxicas e de accesibilidade, así como ampliación das persoas beneficiarias do bonobús a persoas desempregadas e familias numerosas, a gratuidade para menores de 19 anos e a conxelación das tarifas xerais.

Agustín Hernández garantiu que se ampliaría a información pública para coñecer en detalle “unha planificación que, pola súa inserción nun contrato que terá unha duración de moitos anos, afectará ao modo de vida e á actividade diaria da práctica totalidade da veciñanza.”

“Faremos un servizo público que responda ás necesidades laborais, educativas, sanitarias e de ocio, que se converta en nexo de unión co noso rural e tamén –a través do aeroporto e da intermodal- co resto do mundo, que sexa un orgullo para cada persoa que viva en Santiago e motivo de admiración  para cada unha das persoas que nos visiten”. 

Comentarios