Goretti Sanmartín propón abrir ao público o patrimonio pechado

Goretti Sanmartín propón abrir ao público o patrimonio pechado
Goretti Sanmartín propón abrir ao público o patrimonio pechado

Implicar a veciñanza, abrir patrimonio oculto e crear eventos de dinamización como o Festival dos Patios, Claustros e Xardíns son algunhas das iniciativas defendidas polo BNG

Abrir o patrimonio pechado, catalogar os bens patrimoniais, diversificar os intereses de turistas para coñecer a riqueza patrimonial do concello, apoiar a artesanía fronte á invasión de tendas de souvenirs, crear eventos como un festival dos patios, claustros e xardíns e, de maneira especial, implicar a veciñanza na defensa e promoción do patrimonio son algunhas das medidas que a candidata do BNG, Goretti Sanmartín Rei, defende para que no concello de Santiago de Compostela o patrimonio teña o lugar que merece na xestión municipal.

"Esqueceuse a relevancia que o patrimonio ten no noso concello e o pouco que se fixo foi como se aínda existise a muralla: só se actuou dentro das súas marxes. Nós queremos que o patrimonio recupere o seu papel, que a veciñanza se implique, o coñeza e goce e que o turismo saiba que máis alá da Catedral hai moitos bens patrimoniais dignos de ser valorados e queridos", destaca a candidata do BNG, Goretti Sanmartín Rei.

O BNG quere co seu programa de goberno situar a xestión do patrimonio un lugar central tanto polo tesouro que significa para o concello, polo sinal de identidade que é como en calidade de recurso para o desenvolvemento económico, en concreto dun turismo vinculado á cultura, de calidade e sustentábel.

"Considérase que hai un patrimonio A, vinculado á catedral, e un patrimonio B que é o dos barrios e o rural e nós queremos defender tamén o valor inmenso dese patrimonio, en especial, para a propia veciñanza que é a súa real propietaria", sinala Goretti Sanmartín.

VISIBILIZAR O PATRIMONIO OCULTO

Reclama, neste sentido, un "patrimonio aberto" para a veciñanza e considera que é incomprensíbel que igrexas como Santa Susana ou Santa María do Camiño non teñan horario de apertura para o que propón un diálogo coa Diócese ao tempo que apunta a novos eventos para mostrar patrimonio oculto como o Festival de Patios, Claustros e Xardíns. "Implicaría a veciñanza que sería partícipe dunha iniciativa que nos achegaría a espazos non transitados e de grande importancia patrimonial", sinala.

Catalogar o patrimonio das parroquias, difundir e sinalizar os xacementos arqueolóxicos, promocionar o patrimonio industrial e arquitectónico son outros dos puntos que o BNG recolle nun programa que apunta a unha maior diversificación e a poñer o foco tamén nese outro patrimonio máis descoñecido.

Comentarios