Profesionais do IDIS presentan a plataforma 3D para a implantación desta nova tecnoloxía na práctica clínica

Profesionais do IDIS presentan a plataforma 3D para a implantación desta nova tecnoloxía na práctica clínica
Profesionais do IDIS presentan a plataforma 3D para a implantación desta nova tecnoloxía na práctica clínica

Liderada polo grupo  de Investigación de Patoloxía Muscoesquelética está previsto que  comece a funcionar a partir de setembro

O Grupo de Investigación de Patoloxía Muscoesquelética do IDIS presentou nunha xuntanza celebrada no Hospital Clínico Universitario de Santiago a Plataforma de Impresión 3D que estará a pleno rendemento a partires de setembro. Este proxecto multidisciplinar nace co espírito de cubrir as necesidades desta tecnoloxía nos diferentes servizos da xerencia de xestión integrada de Santiago, e tamén doutros centros demandantes.

A través do IDIS, esta plataforma “estará aberta a outros grupos de investigación, así como a outros institutos, universidades ou centros sanitarios”, indica o doutor Rodolfo Gómez Bahamonde,  responsable do grupo de Patoloxía Muscoesquelética do IDIS, que é quen lidera o proxecto.

Na xornada, o doutor Rodolfo Gómez xunto ao doutor Alberto Jorge Mora, traumatólogo e experto na aplicación da impresión 3D na cirurxía ortopédica e traumatolóxica, presentaron a plataforma  , acompañados polo doutor Alfredo Redondo Diéguez do servizo de cardioloxía, e tamén experto nesta técnica na área da cardioloxía intervencionista.

Amais de presentar o proxecto, o doutor Redondo mostrou excepcionais modelos de sistema cardiovascular para intervencións de hemodinámica que xa se poden imprimir coa tecnoloxía presente na plataforma. Por outra banda, o doutor Jorge, expuxo diversos casos clínicos e deixou patente as vantaxes que aportaría a implantación desta tecnoloxía na práctica clínica cotiá.

Entre os exemplos mostrados destacan o caso dunha malformación nunha das  arterias coronarias, na que se realizou a impresión 3D para programar o intervencionismo cardíaco. E tamén a impresión dunha fractura complexa de pelve para adestrar correctamente a abordaxe cirúrxica.

A plataforma multidisciplinar está formada por investigadores do IDIS e investigadores clínicos de cardioloxía, traumatoloxía e cirurxía plástica. Este proxecto contou dende os inicios co apoio e pulo do xefe de servizo de traumatoloxía, o doutor José Ramón Caeiro Rey.

Comentarios