Martiño Noriega quere conciliar o turismo cos dereitos da veciñanza

Martiño Noriega quere conciliar o turismo cos dereitos da veciñanza
Martiño Noriega quere conciliar o turismo cos dereitos da veciñanza

Implementarase a certificación “Compostela Responsable”, unha certificación para empresas que cumpran con criterios sociais e ambientais xustos

Desestacionalizar, descentralizar e diversificar son os “3D” fundamentais para unha política turística responsable e de calidade, que Compostela Aberta denomina gobernanza do turismo. Segundo indicou o alcalde e candidato á reelección, Martiño Noriega, “Compostela é unha cidade cada vez máis atractiva e internacional, e por iso levamos tres anos consecutivos superando cifras históricas de viaxeiros, peregrinos e tráfico aeroportuario. Cifras récord que tamén supoñen grandes desafíos para o modelo de convivencia, porque Santiago non pode vivir sen o turismo, pero tampouco só do turismo”. Martiño Noriega e a concelleira e candidata, Marta Lois, deron conta hoxe desta e outras claves do undécimo reto para ter “Máis Futuro: máis gobernanza para un turismo responsable”. 

O alcalde e candidato explicou que “temos un modelo de turismo que pode acabar xerando unha ruptura da convivencia entre veciñanza e turistas nunha cidade que é de acollida” e tamén ofreceu un dato extraído do estudo exposto na Alameda da USC “que alerta dun rexeitamento do modelo turístico da cidade, nalgunhas zonas do casco histórico e San Pedro que supera o 60%”.

Nese sentido Martiño Noriega sinalou que “nos últimos catro anos xa se fixo un esforzo por desestacionalizar o turismo, programando distintas accións durante os meses de temporada baixa como a celebración en Compostela do mundial de xadrez, da Supercopa de baloncesto ou programando grandes concertos no Multiusos nos meses de inverno”. Ese esforzo puido verse nos datos de visitantes e pasaxeiros e pasaxeiras no aeroporto, que aínda medrando nos meses de verán, non o facían ao mesmo ritmo que nos meses de inverno.

TAXA TURÍSTICA

Entre as propostas de Compostela Aberta para o vindeiro mandato está “a esixencia á Xunta de Galicia dunha taxa turística, unha ferramenta que levamos reivindicando este mandato e que entendemos fundamental para esa gobernanza do turismo”. Marta Lois lembrou que esta taxa xa existe noutras cidades con presión turística semellante como Porto ou Barcelona e ten demostrado que non desincentiva a chegada de visitantes. A recadación da taxa será destinada ao coidado do espazo público, políticas de vivenda, promoción do comercio local e campañas de promoción e sensibilización do turismo. responsable.

Tras ter feito unha diagnose dos apartamentos turísticos irregulares cos que conta o noso Concello, “reforzaremos a inspección e control sobre eles, que supoñen competencia desleal, provocan o aumento dos alugueiros, reducen a oferta de vivenda residencial, precarizan o emprego e deixan máis de 8 millóns de euros sen fiscalizar cada ano” e, no marco do Plan de Dinamización do Comercio na Cidade Histórica, ordenaranse as tendas de recordos.

Xunto a isto “impulsaremos a certificación ‘Compostela Responsable’, unha etiqueta municipal de responsabilidade que distinguirá ás empresas hostaleiras que cumpran criterios ambientais e sociais xustos como emprego de calidade, a contratación estable, a saúde laboral, a accesibilidade, levar a cabo prácticas ambientais ou boa atención a clientes”. Os criterios e mecanismos para dar esta certificación serán acordados co sector e co asesoramento do Centro de Estudos Turísticos da USC, podendo estenderse nunha segunda fase a outro tipo de empresas.

SANTIAGO, DESTINO INCLUSIVO E FAMILIAR

Compostela Aberta promoverá Santiago como destino inclusivo e familiar, incentivando dende o Concello iniciativas e alternativas de ocio, culturais, deportivas e gastronómicas destinadas a promover Compostela como destino con responsabilidade social e amable para mulleres, colectivo LGTBIQ, Family Friendly, Vegan Friendly, Pet Friendly, etc. Tamén se impulsarán campañas como #Enjoy-Respect-Santiago de concienciación dos dereitos, obrigas e recomendacións para o turista responsable, con viñetas e ilustracións singulares e merchandising en establecementos hostaleiros. 

Marta Lois explicou tamén que “no vindeiro mandato converteremos a Santiago nunha cidade pioneira que medirá o Índice do Progreso Social do Turismo que permita coñecer o impacto do turismo máis alá das cifras brutas de visitantes e peregrinos/as e repercutir os beneficios na mellora das condicións de vida de toda a veciñanza”.

TURISMO VERDE

Outra das propostas de Compostela Aberta en materia turística pasa por potenciar o Santiago verde e por descentralizar así o turismo do casco histórico. Por iso “lanzaremos a campaña ‘Compostela Respira’ e aproveitaremos o potencial da Compostela Verde recuperado nos últimos anos (Brañas do Sar, sendas do Sarela, bosques de Compostela...) para promocionar Santiago como capital do EcoTurismo”.

Ademais promocionaranse entre os turistas, mais tamén entre a veciñanza, os ‘Horizontes de Compostela’, miradoiros naturais e artificiais da cidade. Ademais dos xa coñecidos (Monte do Gozo, Pedroso, cubertas da Catedral, Cidade da Cultura, etc.) “poremos en marcha outros novos como o Miradoiro no Monte Viso, onde o Concello leva a cabo un intenso labor de recuperación forestal de especies autóctonas coa plantación de máis de mil árbores cun obradoiro de emprego”. 

Con esta proposta, porase en marcha tamén os ‘Roteiros Temáticos’ como os Camiños da Pedra (Ruta dos Cruceiros, dos Petróglifos, dos Xogos gravados na Pedra, da Canteira da Catedral, etc.); Camiños da auga (Ruta dos Lavadoiros, Ruta dos Batáns, muíños e curtidorías, etc.); Compostela Medieval fóra das Murallas (Castelo da Rocha, Sar, etc.); ou Compostela en pé de guerra (ruta polos episodios bélicos da cidade).

GRATUÍDADE DO PÓRTICO DA GLORIA

Marta Lois tamén avanzou que “Compostela Aberta defenderá que o Pórtico da Gloria sexa de acceso gratuíto para a veciñanza, incluíndo tamén á obra do Mestre Mateo xa que a Catedral, patrimonio da Humanidade, foi restaurada con fondos públicos”. Nesa liña de fomentar os espazos da cidade, tamén “faremos exposicións sobre a cultura e a gastronomía galegas, permanentes e temporais, sobre cultura e gastronomía galegas no Aeroporto Rosalía de Castro e na futura Estación Intermodal, as dúas principais portas de entrada a Galicia no Xacobeo, a través de convenios con AENA e ADIF”.

Comentarios