O PIB galego creceu un 2,3% neste primeiro trimestre do 2019

O PIB galego creceu un 2,3% neste primeiro trimestre do 2019
O PIB galego creceu un 2,3% neste primeiro trimestre do 2019

Os datos do Instituto Galego de Estatística mostran que o PIB encadea 22 trimestres consecutivos de crecemento

O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 2,3% no primeiro trimestre do ano 2019, o que supuxo a creación de máis de 17.900 postos de traballo asalariados a tempo completo respecto ao mesmo trimestre de 2018, segundo mostran os datos das Contas Económicas Trimestrais publicados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Os datos do organismo estatístico da Comunidade Autónoma mostran que, co primeiro trimestre do ano, son 22 os trimestres consecutivos nos que a economía galega encadea taxas positivas de crecemento. Tanto a taxa de crecemento interanual (2,3%) como a taxa trimestral (0,4%) son tres décimas inferiores ás rexistradas no trimestre anterior.

Na parte da demanda, a achega da demanda interna ao crecemento do PIB no primeiro trimestre de 2019, foi de 3,3 puntos porcentuais, cinco décimas maior que no trimestre anterior, mentres que o sector exterior restou un punto ao crecemento do PIB ao rexistrar as exportacións un descenso interanual do 8,4%.

Dentro da demanda interna, o gasto en consumo final medrou un 2,7% respecto ao mesmo trimestre de 2018, e a formación bruta de capital –que recolle os investimentos do sector empresarial– rexistra un crecemento do 6,9%.

En canto á oferta, todos os sectores rexistraron taxas positivas a excepción da industria, que tivo no primeiro trimestre un descenso do 3,1% respecto ao mesmo período do ano anterior. Pola contra, tanto a construción (5,5%) coma o sector servizos (3,7%) e o sector primario (0,8%) medraron en comparación co primeiro trimestre de 2018.

No eido do emprego, os datos do IGE mostran que o crecemento do PIB tamén se traslada á creación de postos de traballo. Así, no primeiro trimestre do ano aumentaron un 0,9% os postos de traballo equivalentes a tempo completo respecto ao mesmo período do ano anterior, un incremento que foi do 2,1% nos postos de traballo a tempo completo asalariados. Isto supuxo a creación de 17.922 empregos asalariados a tempo completo, segundo as cifras publicadas polo IGE.

Comentarios