Noriega quere tramitar O Souto como Espazo Natural de Interese Local

Noriega quere tramitar O Souto como Espazo Natural de Interese Local
Noriega quere tramitar O Souto como Espazo Natural de Interese Local

O alcalde e candidato á reelección e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentaron hoxe o último dos 13 retos nos que se resume o programa electoral de Compostela Aberta: “Máis verde para respirar Compostela”

Compostela Aberta impulsará a declaración do Souto como Espazo Natural de Interese Local, para garantir a preservación e protección desta zona na que o Partido Popular pretendía construír a nova Depuradora de Augas Residuais. O alcalde e candidato á reelección, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e número 7 da candidatura, Xan Duro, explicaron que con esta medida “trátase de evitar calquera agresión a este espazo, como sería a construción da EDAR, e a protección das especies de fauna protexidas que se poden atopar nel”.

O alcalde e candidato á reelección e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentaron hoxe o último dos 13 retos nos que se resume o programa electoral de Compostela Aberta: “Máis verde para respirar Compostela”. Martiño Noriega lembrou que Santiago é unha das cidades do Estado con máis metros cadrados de zonas verdes por habitante e “nos últimos anos consolidamos e melloramos esta posición, poñendo a disposición da veciñanza as sendas do Sar desde o Multiusos a Conxo, onde tamén acondicionamos a zona do Banquete; ou mellorando a senda verde do Sarela”. 

Tamén destacou a apertura de máis de 200 hortas urbanas, a recuperación da lagoa de Cornes, e o camiño andado para que no próximo mandato se convirta en realidade a Vía Verde Santiago-Cerceda, “para a que xa temos un proxecto redactado, a cesión dos terreos por parte do ADIF, e a colaboración da Deputación da Coruña”. 

O candidato incidiu en que “Compostela Aberta aposta por unha cidade verde, porque a calidade dos espazos naturais está relacionada coa calidade de vida da veciñanza e aumenta o benestar social, e porque entendemos que a preservación e recuperación da biodiversidade é un obxectivo ineludible para calquera acción municipal”. Por iso, engadiu, “queremos conservar e protexer o Souto, recollendo a sensibilidade mostrada pola veciñanza no seu conxunto e polo movemento ecoloxista en particular, cara este espazo”.

A figura de Espazo Natural de Interese Local está contemplada na Lei 9/2001 de Conservación da Natureza e no Decreto 124/2005. Tal e como se recolle neses textos lexislativos, os concellos poden realizar a petición para que a consellería con competencias en materia de conservación da natureza poida declarar como Espazo Natural de Interese Local aquelas zonas integradas no seu termo municipal que pols súas singularidades sexan merecedoras dalgún tipo de protección. 

No caso do Souto, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que na zona “concéntranse catro carballeiras, charcas oligotróficas, eutróficas, e brañas”. Ademais, Xan Duro apuntou que no Souto “pódense atopar tamén tres especies de fauna protexidas polas directivas europeas: a papuxa do mato, a lontra e o caracol de Quimper, e un importantísimo patrimonio etnográfico, catalogado pola Xunta”.

Ademais, o candidato avanzou que no próximo mandato realizarase un inventario de espazos naturais de interese, como paso previo ao deseño dun plan de recuperación e conservación.

SENDAS, HORTAS E CEMITERIO DA PASTORIZA

Xan Duro explicou que no próximo mandato “seguiremos acondicionando as sendas do Sar, no tramo que vai desde o Multiusos ata Amio e tamén ata a Rocha, apostando novamente por poñer en valor o noso patrimonio cultural ao tempo que se ofrece unha experiencia formativa e laboral a persoas desempregadas”. Tamén se acondicionará unha senda de acceso ao futuro miradoiro de Monte Viso, e executarase a Vía Verde Santiago-Cerceda, despois de conseguir a cesión dos terreos necesarios por parte do ADIF.

No próximo mandato tamén se acondicionarán novas hortas urbanas, que se sumarán ás máis de 200 que se puxeron a disposición da veciñanza nos últimos anos en Caramoniña, Pontepedriña, Almáciga, Santa Marta e Campo de Hortas.

Entres as localizacións que se barallan, Xan Duro citou Salgueiriños e Castiñeiriño, e avanzou que previsiblemente ampliaránse tamén as de Santa Marta.

Ademais, o Goberno de Compostela Aberta abrirá o antigo cemiterio carlista da capela da Pastoriza para crear unha nova zona verde e de lecer no barrio das Marías. O concelleiro explicou que o proxecto xa se empezou a abordar en colaboración co Consorcio, co obxectivo de “conseguir para a cidadanía un novo xardín histórico, cunha concepción similar ao de Bonaval pero nunha escala máis reducida”.

EUCALIPTOS

Outro dos obxectivos do próximo mandato será avanzar na eliminación dos eucaliptos e doutras especies invasoras, favorecendo a plantación de árbores frondosas autóctonas. Xan Duro explicou que “procederemos a eliminar as especies pirófitas nas fincas de titularidade municipal e ns que veñen de ser cedidas ao Concello polo BANTEGAL, o Banco de Terras de Galicia, como xa fixemos por exemplo na Selva Negra”. Ademis, estudarase a posibilidade de abrir unha liña de axudas para que as persoas propietarias planten frondosas autóctonas”.

Nesa liña, tamén se continuará “coa naturalización dos parques e xardíns municipais, coa introdución paulatina das especies autóctonas e coa redución do uso de fitosanitarios no seu mantemento”.

Por último, en materia de Benestar Animal, o programa de Compostela Aberta prevé continuar co programa de xestión das colonias felinas urbanas mediante o método CES de Captura, Esterilización e Solta; a ampliación das zonas de esparcemento para cans e cadelas, e actualización da ordenanza de Benestar Animal, entre outras medidas.

Comentarios