A EAEM ofrece mañá sábado dous concertos dos seus alumnos no Auditorio do centro

A EAEM ofrece mañá sábado dous concertos dos seus alumnos no Auditorio do centro
A EAEM ofrece mañá sábado dous concertos dos seus alumnos no Auditorio do centro

Ás 12:00 horas actuará a orquestra de corda dos alumnos e profesores do Curso de Especialización Instrumental e ás 12:40 horas será a quenda dos rapaces do Curso de Corda para Nenos

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, ofrece mañá sábado, 25 de maio, un dobre concerto no Auditorio do centro. O primeiro, protagonizado pola orquestra de corda dos alumnos e profesores do Curso de Especialización Instrumental, comezará ás 12:00 horas. E ás 12:40 horas será a quenda dos rapaces do Curso de Corda para Nenos. A entrada a estas dúas actuacións é libre ata completar o aforo.

A orquestra dos alumnos e profesores do Curso de Especialización Instrumental ofrecerä ao público asistente L´Estro Armonico. Concerto para dous violíns nº 8 de Antonio Vivaldi. E de seguido soará o Concerto para dous violíns de Johann Sebastian Bach.

O DIRECTOR DA ORQUÉSTRA DE NENOS SINFÓNICA DE GALICIA DIRIXIRÁ AS OBRAS

A EAEM préstalle unha atención especial á formación musical dos máis pequenos. Este ano académico celebrouse unha nova edición do curso de corda para nenos. Como broche final do curso, que comezou en novembro de 2018 e acaba este mesmo mes de maio, os alumnos protagonizarán un concerto. Na primeira parte, os rapaces, todos eles con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, interpretarán obras individuais de diferentes épocas e estilos, acompañados pola pianista Haruna Takebe.

Na segunda parte do acto, os xoves músicos integrarán unha orquestra de cámara e xuntos achegarán ao público varias obras. Levará a batuta o mestre coruñés Jorge Montes, actual director da Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia e profesor de violín no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol. Formado en Holanda e Italia, ten ofrecido concertos por toda Europa, Asia e Sudamérica.

A través desta iniciativa os alumnos terán a oportunidade de demostrar o que aprenderon ao longo do curso, apoiados polos seus profesores, na súa maioría músicos da Real Filharmonía de Galicia.

Comentarios