A Marumasat IV xa está no ceo

A Marumasat IV xa está no ceo
A Marumasat IV xa está no ceo

Na chamada Misión Einstein participan institutos de seis localidades distintas da provincia. O principal obxectivo deste novo proxecto é o rastrexo de raios cósmicos co fin de comprobar a teoría da relatividade

Onte o IES Maruxa Mallo, en colaboración cos centros educativos Miraflores (Oleiros), Marco Camballón (Vila de Cruces), Xelmírez II (Santiago), CPI Cruce (Cerceda) e IES Ferrol Vello, realizaron o lanzamento da sonda Marumasat IV. Este tivo lugar no centro ordense, concretamente no patio do instituto, onde se concentraron alumnado, profesorado e público asistente. Entre outros non faltaron Susana García e Indalecio Cabana, concelleira en funcións de Educación do Concello de Ordes e xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a provincia da Coruña respectivamente.

As rachas de vento rexistradas esta mañá dificultaron o lanzamento. Tal foi así que tanto o localizador como varias das cápsulas experimentais adheridas desprendéronse. Aínda así agárdase que se poida localizar unha vez caia a terra grazas a outros dispositivos que leva insertados.

A Misión Einstein, nome que recibe este novo proxecto, dá continuidade ao lanzamento das sondas estratosféricas MarumaSat I, II e III nas primaveras de 2016, 2017 e 2018. Nesta ocasión o obxectivo central é o rastrexo de raios cósmicos co fin de comprobar a teoría da relatividade especial estudando os muóns froito da descomposición da dita radiación.

Outras das finalidades desta viaxe son procurar un novo récord de altitude, a inclusión de sensores de O₃ e radiación UV, o estudo da velocidade de reprodución de seres unicelulares fóra da terra, a variación das propiedades organolépticas da auga, a sincronización co Sentinel, a medición do campo magnético terrestre, a xeolocalización por LoRa e GPS, o desenvolvemento dunha subcápsula de habitabilidade e a consecución de datos para emitir unha certificación de calidade do emisor TX_06.3.

A literatura suporá novamente un aspecto importante xa que á cápsula se adherirán os poemas vencedores do II Premio de Poesía Estratosférica asinados por Sandra Rodríguez Macía, Iria Álvarez Gómez, Nerea Ferreiro Leiro, Ánxela López Rey, Carme María Pampín Torres, Paula Pardo Taboada, María Seijo Delgado, Lucas Marino Lanza, Kenia Guadalupe Paulina Loaiza, Atenea del Río Rodríguez e Nuria Torres Novo.

Comentarios