A Biblioteca Ánxel Casal organiza cursos de informática para os seus usuarios

A Biblioteca Ánxel Casal organiza cursos de informática para os seus usuarios
A Biblioteca Ánxel Casal organiza cursos de informática para os seus usuarios

O período de inscrición abrirase o 4 de xuño e prolongarase ata o 14 de xuño

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal ofrece no mes de xuño dous cursos gratuítos que teñen por obxectivo a formación dos usuarios e das usuarias no eido das novas tecnoloxías. Esta oferta ten un carácter eminentemente práctico de cara á súa aplicación e aproveitamento na vida cotiá.

Os cursos Queres perder o medo ao teu smartphone? e Xestións por internet: banca online, E-Administración, E-Saúde, servizos electrónicos serán impartidos por profesorado da academia Tesdai. A celebración das sesións formativas terá lugar nas salas de traballo en grupo do 3o andar.

Para o curso Queres perder o medo ao teu smartphone? as persoas participantes deberán traer o seu propio teléfono intelixente. No curso Xestións por internet, a Biblioteca porá a disposición de cada unha das persoas admitidas un ordenador portátil con conexión a Internet vía wifi. Ademais, deberán traer un teléfono móbil para acceder á rede wifi.

O período de inscrición abrirase o 4 de xuño e prolongarase ata o 14 de xuño. Requírese inscrición previa chamando ao 881 999 401 ou acudindo directamente ao mostrador do andar baixo da biblioteca. Para poder participar é necesario ser socio ou socia da biblioteca.

Comentarios