Rianxo acolle o curso da USC "Galego, porta aberta para o mundo 2"

Rianxo acolle o curso da USC "Galego, porta aberta para o mundo 2"
Rianxo acolle o curso da USC "Galego, porta aberta para o mundo 2"

Este curso, dirixido pola profesora de lingüística Teresa Moure Pereiro, tratará de analizar e vigorizar os contactos culturais realmente existentes entre os pobos galego e portugués

O Concello de Rianxo acollerá, entre os días 25 e 28 de xuño, o curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela Galego, porta aberta para o mundo 2. Este curso, dirixido pola profesora de lingüística Teresa Moure Pereiro, tratará de analizar e vigorizar os contactos culturais realmente existentes entre os pobos galego e portugués. 

Entre os obxectivos desta formación está revisar a situación actual da lingua na sociedade galega; debater sobre o modelo internacional da lingua; desenvolver as posibilidades da Lei Paz Andrade, destinada a introducir o portugués no ensino e nos medios de comunicación; coñecer as diversas e actuais liñas de pensamento común a ambos lados da fronteira política e perfeccionar a relación cultural galego-portuguesa.

Aquelas persoas interesadas en asistir ao curso poden facelo matriculándose, ata o 14 de xuño. A matrícula é precisa para acadar o certificado de aproveitamento, aínda que a organización permitirá a asistencia libre aos distintos relatorios e obradoiros, entre os que se atopan algúns de danza galego-portuguesa ou un concerto didáctico. 

A propia Teresa Moure, Elias Torres, Roberto Abuín, Carme Adán, Carme Campo, Chus Caramés, Natalia Poncela e Valentim R. Fagim son algunhas da persoas convidadas a participar neste curso de verán que conta co co-financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, da Academia Galega da Língua Portuguesa, da Associaçom Galega da Língua, da Deputación da Coruña e do Concello de Rianxo.

Comentarios