COGAMI inicia curso de informática básica en Sigüeiro para persoas con discapacidade

COGAMI inicia curso de informática básica en Sigüeiro para persoas con discapacidade
COGAMI inicia curso de informática básica en Sigüeiro para persoas con discapacidade

Financiado pola Consellería de Política Social, son 12 as persoas con discapacidade que se están a formar

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia un curso de Informática básica que se imparte na aula Mentor situada na Rúa do Deporte, nº7 da vila.

Esta formación, que financia a Consellería de Política Social, consta de 100 horas lectivas que se imparten ata o día 14 de xuño, en horario de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Windows e Internet, procesador de textos Writer e folla de cálculo, ademais da realización de prácticas profesionais non laborais.

O curso inicia con 12 persoas, 5 mulleres e 7 homes, con idades comprendidas entre os 25 e os 56 anos, que proceden dos concellos de Oroso, Bembibre, Tordoia, Ordes, Trazo e Santiago de Compostela. O obxectivo xeral desta acción formativa é coñecer a nivel usuario o funcionamento básico dun ordenador executando instrucións sobre as aplicacións máis comúns de ofimática e internet.

A maioría das persoas que forman parte do curso sempre traballaron nos sectores da construción, hostalería, limpeza e sector servizos. Tras a maioría delas ter unha incapacidade permanente total para profesión habitual, teñen que reciclarse e formarse para poder volver entrar no mercado laboral.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 258 persoas inscritas na comarca de Ordes.

Comentarios