Denuncián á mineira de Touro ante a Fiscalía polas filtracións dunha balsa con augas tóxicas

Denuncián á mineira de Touro ante a Fiscalía polas filtracións dunha balsa con augas tóxicas
Denuncián á mineira de Touro ante a Fiscalía polas filtracións dunha balsa con augas tóxicas

Estas filtracións foron tamén constatadas fai un ano por inspectores dependentes da Consellería de Medio Ambiente

A asociación Aldea Viva presentou denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente polo estado da Balsa de O Vieiro na mina de Touro, achegando probas das filtracións continuadas desta balsa ao dominio público hidráulico.

Compre lembrar que esta balsa está nun oco mineiro da antiga explotación que contén augas hiperácidas, tal e como recoñece o propio Proxecto de Reapertura da Mina presentado por Cobre San Rafael. Así mesmo, dende fai uns anos esta balsa tamén recibe as augas residuais das empresas autodenominadas “de valorización” que operan nos terreos da mina, propiedade de Explotaciones Gallegas dende fai trinta anos.

Estas filtracións foron tamén constatadas fai un ano por inspectores dependentes da Consellería de Medio Ambiente.

Na actualidade Cobre San Rafael ten solicitada autorización para un proxecto de drenaxe temporal de augas contaminadas que se depositarían nesta balsa. Constatadas as filtracións da balsa é evidente que as augas contaminadas irán ao dominio público hidráulico a través do Rego Pucheiras e deste ao Río Ulla.

A balsa de O Vieiro está situada na área de explotación do Proxecto de reapertura da Mina, actualmente á espera da declaración de impacto ambiental. Este proxecto lonxe de dar solución á contaminación que contén a balsa, vai xerar un maior volume de augas contaminadas comprometendo a súa seguridade.

Os feitos denunciados e comprobados evidencian que o proxecto de reapertura da mina presentado por Cobre San Rafael falta á verdade e oculta a realidade, motivo suficiente para que a declaración de impacto ambiental sexa negativa. Non se entende o retraso na denegación definitiva dun proxecto que conta con múltiples informes negativos e no que os prazos administrativos parecen estar feitos á carta para a empresa que comete actos á marxe da lei. 

Comentarios
Lo más