“As pegadas de Rosalía” xa conta cunha páxina web propia

“As pegadas de Rosalía” xa conta cunha páxina web propia
“As pegadas de Rosalía” xa conta cunha páxina web propia

Os Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago acaban de poñer en funcionamento a páxina web da ruta cultural “As pegadas de Rosalía”

Os Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago acaban de poñer en funcionamento a páxina web da ruta cultural “As pegadas de Rosalía”. Mediante esta acción búscase que os usuarios poidan acceder de forma directa e fácil a información detallada sobre a ruta rosaliana, así como dar a coñecer as últimas novas e iniciativas organizadas arredor da propia ruta. A web www.rutarosaliana.gal, que xa está dispoñible en galego, español e inglés, tamén acolle a versión actualizada da aplicación Contorna 360, que permite realizar un percorrido interactivo e panorámico polos distintos lugares que artellan o roteiro.

O itinerario “As pegadas de Rosalía” da un paso máis para achegar a vida de Rosalía a toda a poboación coa posta en marcha da páxina www.rutarosaliana.gal. O obxectivo desta nova plataforma é facilitarlle aos usuarios e usuarias o acceso a toda a información referente á ruta rosaliana, ao tempo que fai un percorrido polos principais puntos da ruta con información detallada de cada un deles e imaxes para ilustrar o itinerario.

Cunha interface clara e intuitiva, a páxina web dalle a benvida ao visitante a través dun inicio composto por unha sucesión de imaxes extraídas das visitas teatralizadas organizadas seguindo a ruta, acompañadas por distintas frases que Rosalía de Castro adicou a algúns dos lugares que se visitan. Asemade, a pestana Ruta Rosaliana ofrece unha breve explicación sobre a vida da poeta e o que supuxo a súa figura na cultura galega, así como unha introdución á ruta seguindo as palabras do intelectual Avelino Abuín de Tembra.

A través da páxina tamén se ofrece unha ligazón para acceder ao programa Contorna 360, un percorrido web interactivo polos distintos lugares que vertebran a ruta. Cada un destes emprazamentos conta cunha visión panorámica do lugar, así como a localización de cada punto na ruta, fotos e información sobre o papel que ese lugar desempeñou na vida de Rosalía. Por outra banda, ao premer nas pestanas No teu peto e Recursos, as persoas que accedan á paxina poden descargar material de interese como mapas, folletos informativos e logos do roteiro.

En Novas ofrecese a última información referente “As pegadas de Rosalía”, así como as iniciativas que xorden ao abeiro do proxecto, e mesmo galerías de imaxes con fotografías das distintas visitas teatralizadas que se realizan seguindo a ruta. Por último, a web tamén ofrece a posibilidade de poñerse en contacto coa organización desta iniciativa mediante un cuestionario de contacto, habilitado para facilitar a posibilidade de consultar posibles dúbidas ou transmitir calquera tipo de cuestión referente á ruta rosaliana.

ITINERARIO CIRCULAR

A iniciativa “As Pegadas de Rosalía” foi presentada polos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur), co obxectivo de achegar a vida de Rosalía a toda a poboación. Ao longo desta ruta cultural, baseada no percorrido deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, poden visitarse os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.

Trátase dun itinerario circular que parte da praza de Vigo, en Santiago de Compostela, e chega ao Panteón de Galegos Ilustres, despois de percorrer lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro como San Xoán de Ortoño, a igrexa de Bastavales, en Brión, ou a colexiata de Iria Flavia, en Padrón.

A iniciativa “As Pegadas de Rosalía” foi presentada polos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago en xaneiro do 2018 na Feira Internacional de Turismo (Fitur), co obxectivo de achegar a vida de Rosalía a toda a poboación. Ao longo desta ruta cultural, baseada no percorrido deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, poden visitarse os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.

Comentarios
Lo más