A Xunta inviste 10 millóns de euros para os programas integrados de emprego

A Xunta inviste 10 millóns de euros para os programas integrados de emprego
A Xunta inviste 10 millóns de euros para os programas integrados de emprego

Feijóo subliña que os beneficiarios, administracións locais e entidades sen ánimo de lucro, recibirán 2.500 euros por cada participante

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, da convocatoria dunha nova edición dos programas integrados de emprego, unha ferramenta que ofrece aos participantes formación, asesoramento e orientación laboral.

Para tal fin, subliñou, destinarase entre 2019 e 2020 un orzamento de 10M€ que poden solicitar tanto as administracións locais como as entidades sen ánimo de lucro. Un investimento a través do cal os beneficiarios recibirán 2.500 euros por cada participante, mantendo o incremento de 100 euros introducido o ano pasado, e no que se espera que participen 4.000 persoas desempregadas.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que, ao igual que acontecera en anteriores edicións, terán prioridade os concellos emprendedores, resérvanse 2M€ de orzamento para plans específicos para mulleres, e primaranse os proxectos nos que se implique o tecido empresarial. Ao que engadiu que a actual convocatoria tamén introducirá dúas novidades, incluirase o colectivo de persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia e a formación estará dirixida á obtención, de polo menos, un certificado de profesionalidade.

A este respecto, Feijóo puntualizou que estes programas establecen como obxectivo a inserción laboral de como mínimo o 35% dos participantes. Aínda que a inserción media alcanza o 50%. “Desde 2009 e ata a edición anterior o orzamento destinado é de 55 M€ dos que se beneficiaron 34.000 persoas desempregadas”, abundou.

En definitiva, deste xeito dáse continuidade á folla de ruta fixada na Axenda 20, que ten como obxectivo central que o paro se reduza ata un 10% no horizonte de 2020, nun momento, o actual, no que Galicia leva preto de 5 anos e medio consecutivos creando emprego e superou o millón de afiliacións á Seguridade Social.

Comentarios