Villares responsabiliza a Pablo Iglesias de dinamitar o espazo de unidade política

Villares responsabiliza a Pablo Iglesias de dinamitar o espazo de unidade política
Villares responsabiliza a Pablo Iglesias de dinamitar o espazo de unidade política

Lamenta o novo desencontro no seo do grupo parlamentario e lembra que a imposición das directrices da dirección estatal de Podemos non son un problema que afecte unicamente a Galicia

O voceiro de En Marea lamenta o novo desencontro que se ten producido no seo do grupo parlamentario en relación á proposta de Mariló Candedo para senadora autonómica; e responsabiliza á dirección estatal de Podemos de estar dinamitando o espazo de unidade. Luís Villares critica o xiro do partido de Pablo Iglesias e os seus constantes ataques aos espazos de confluencia. Unha actitude que non afecta unicamente a Galicia, e que evidencia un cambio nun Podemos "hoxe irrecoñecible", e que se nega a escoitar a voz das persoas inscritas.

O voceiro de En Marea responsabiliza á dirección estatal de Podemos, con Pablo Iglesias á fronte, dos desencontros producidos no seo do grupo parlamentario de En Marea. “Están empeñados en destruír este grupo parlamentraio, a convivencia e a confluencia. Pero En Marea como proxecto político non é propiedade de Pablo Iglesias. É un proxecto que nace plural e que quere seguir sendo plural. Polo tanto, hai cousas que non se poden permitir", indica Villares. Que lamenta "profundamente esta nova transmisión dunha sensación de lío. Algo do que algúns quixemos apartarnos dende o primeiro momento. Pero que non ten sido posible debido á actitude dos que se negan a acatar as normas internas e se opoñen á convivencia". 

"Mariló Candedo non é mellor nin peor candidata que ningunha outra que se poida propoñer. Pero trátase dunha decisión que se axusta ás normas internas de En Marea. Unhas normas das que nos dotamos para a nosa propia convivencia como proxecto político", expón Villares. Que lembra que "Podemos non ten deputadas no Parlamento galego" e apelou á necesidade de que todas as representantes da formación respecten o compromiso adquirido cos estatutos de En Marea.  

Luís Villares expresou a súa vontade de "deixar atrás os desencontro e poder chegar a posturas de consenso. Ninguén en Galicia pode negar a boa vontade que En Marea e eu mesmo puxemos para acadar acordos, superar polémicas e evitar seguir alimentando mediaticmente situacións de desencontro. Pero temos pouca marxe de actuación. E é así porque hai dous anos en Vistalegre II Pablo Iglesias decidiu rachar coas confluencias para construír un partido único a nivel de todo estado. Unha idea á que En Marea se opón". 

O voceiro de En Marea lembra que a intención da dirección de Pablo Iglesias de impoñer o seu discurso e facer primar os seus intereses é un problema que está a deixarse sentir no conxunto do estado. "As denuncias que estes días están facendo membros de Podemos como Espinar, Teresa Rodríguez e a propia dirección en Aragón ou Castilla A Mancha son prácticas que neste grupo parlamentario levamos padecendo demasiado tempo, e que nos impiden traballar con normalidade. Algúns viñemos á política ilusionados por unha nova forma de traballar, para satisfacer desexos sociais ante a situación de emerxencia social que se producira na última década", indica Villares. Que lamenta o xiro imposto pola dirección estatal a un Podemos "hoxe irrecoñecible en moitas das súas actuacións. Tanto no que ten que ver coa acción política como coas prácticas internas". 

O voceiro amosou a súa contrariedade en relación ao xiro político que saiu de Vistalegre II. "Un xiro ideolóxico que rematou coa idea de transversalidade social e que supuxo o abandono dun espazo que En Marea nunca quixo deixar", e que ten suposto a desilusión dun electorado que confiara nun novo xeito de facer política. "Quixemos construír unha alternativa verdadeiramente transformador en Galicia, tanto ao PP como ao que supuxera o PSOE. Pero ese discurso ilusionante quedou empobrecido e tapado por esta situación", lamenta Villares, que expresa o seu desexo de poder reconstruír o espaço de confluencia. "Pero a realidade é que non depende de nós".

O voceiro lamentou os repetidos intentos de Podemos por obviar a diversidade que convive no espazo de unidade. "Pablo Iglesias non está só en Galicia, e para poder seguir mantendo ese espazo unido é necesario atender esa diversidade. Hai uns pactos que deben levarse a cabo, pero atopámonos ante un episodio máis que pon en cuestión un principio fundacional irrenunciable: a democracia interna e a participación das persoas inscritas. Ese é o problema de fondo", indica Villares. Que lamenta a resistencia de Podemos a escoltar as opinión das persoas inscritas cando se trata de temas de relevancia política. "Eu non entendo que Iglesias vexa ben someter a referendo un asunto privado e irrelevante como a compra dun chalé na serra de Madrid e sen embargo desprecie as primarias realizadas para escoller cargos de representación pública. Hai unhas normas para designar os cargos institucionais que pasan polas primarias. E nós non podemos suplantar esas primarias por pactos de despacho. Porque viñemos facer as cousas doutra maneira", asevera. 

O voceiro lembrou que esa foi precisamente unha das razóns pola que non foi posible concorrer de xeito unitario ás últimas eleccións xerais. "A negativa de Podemos a someterse un proceso de primarias rachou coa ilusión da xente. Algo que tamén pasou nas municipais. E iso non pode ser. Podemos está abandonando os principios fundacionais da nova política", lamenta Villares, que insta a todo o mundo a afrontar a necesaria reflexión interna.

"En Marea xa está facendo a súa reflexión colectiva e impulsando debate interno con asambleas a nivel comarca que desenvocarán nun plenario no que trazaremos o rumbo organizativo e ideolóxico-político. E haberá unha nova dirección que será a que decidan as pesaos inscritas. Nós asumimos as nosas responsabilidades, e estaría ben que os demais asumisen as súas. Crear unha nova polémica no grupo parlamentario é unha mala decisión. Pero non é un problema só de Galicia. É un problema xeralizado que precisa dunha solución xeralizada. Nós viñemos mellorar a vida da xente, e aí seguiremos ata o final", concluye Vilares, que fai un chamamento á "reflexión" e a "tomar nota" do que a cidadanía ten expresado nas urnas. 

Comentarios
Lo más