Feijóo demanda unha selectividade única en toda España

Feijóo demanda unha selectividade única en toda España
Feijóo demanda unha selectividade única en toda España

“O Estado das Autonomías non é un erro, o que me parece un erro é que ese Estado das Autonomías teña disfuncións que podemos e debemos corrixir”, di

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, demandou onte un procedemento de acceso á universidade “idéntico en todo o Estado” e que se celebre a mesma semana en todo o territorio.

Durante unha entrevista na cadea Cope, e logo de lembrar que as probas de selectividade en Galicia desenvólvense máis tarde que no resto do Estado, Feijóo lamentou que, mentres os informes PISA sitúan á Comunidade dentro das mellores de España en canto a un menor fracaso escolar e máis competencias en lectura, matemáticas ou ciencias, os rapaces galegos obteñen notas máis baixas nos exames de acceso á universidade que a media doutras autonomías, debido a un nivel de esixencia distinto.

Se ben, aseverou que a transferencia da xestión ordinaria da Educación é un precepto constitucional acertado, o presidente da Xunta incidiu en que o lóxico é que “a selectividade sexa a mesma semana en todo o territorio do país e que o exame sexa homologable e, se é posible, idéntico en todo o Estado”.

“O Estado das Autonomías non é un erro, o que me parece un erro é que ese Estado das Autonomías teña disfuncións que podemos e debemos corrixir”, abundou, referíndose, a modo de exemplo, ao feito de que as comunidades conten con libros de texto distintos, ao non funcionamento da inspección educativa ou á selección do persoal.

Cómpre recordar tamén que o Goberno galego, a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, instou xa o 4 de decembro de 2018 ao Goberno central a, no exercicio das súas competencias, poñer en marcha as medidas necesarias para dar resposta á proposición non de lei aprobada por maioría na Cámara galega o 27 de novembro, para que se articule un procedemento de acceso á universidade no que as probas de acceso garantan o mesmo nivel de esixencia e a igualdade de oportunidades para todos os alumnos, independentemente de en que comunidade autónoma residan.

Comentarios