Reclaman un Plan Sectorial de actividades extractivas de Galicia para evitar casos coma o da mina de Touro

Reclaman un Plan Sectorial de actividades extractivas de Galicia para evitar casos coma o da mina de Touro
Reclaman un Plan Sectorial de actividades extractivas de Galicia para evitar casos coma o da mina de Touro

Antón Sánchez pide a demisión de Tahoces  porque "cada vez hai máis probas de que a súa tolerancia coa contaminación non son casos illados"

"Precisamos un instrumento de planificación que diga onde se poden instalar minas e onde son incompatibles coa actividade gandeira, o turismo ou a economía". Así o sinalou o vicevoceiro parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, que vén de rexistrar unha iniciativa para reclamar un Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia, logo dun informe do Defensor do Pueblo que alerta da “omisión inxustificada” dun "instrumento a través do cal deber ordenarse o sector mineiro na comunidade autónoma garantindo a sostibilidade do aproveitamento, é dicir, a súa compatibilidade coa protección do medio ambiente, a súa conformidade coa ordenación territorial e os usos do chan e coa ponderación dos distintos intereses que concorren no desenvolvemento económico e social do territorio”.

Como lembrou Antón Sánchez, o instrumento de planificación da política mineira que di onde pode haber actividade extractiva e onde é incompatible coa actividade gandeira, co turismo ou en xeral coa economía leva sen aprobarse dende o ano 2008, que entrou en vigor a Lei de minería de Galicia e é para el unha evidencia dunha "administarción que traballa para as sucesivas empresas que explotaron a mina de touro e non e prol do interese público". "Sabemos que o PP non quere elaborar este plan porque iso significa acabar coa politica de barra libre, que pretende seguir aplicando en Touro, un proxecto aberrante que só se explica pola actitude de connivencia do PP coas grandes empresas". 

Sánchez reiterou taména a petición de dimisión do director xeral de Minas, Angel Bernardo Tahoces, que permanece imputado pola contaminación da mina de San Finx de Lousame, pois considera que se está demostrando que "non son casos illados, senón que respoden a décadas de barra libre e de graves incumprimentos da Xunta na súa labor de control da actividade mineira". De feito, como recoñece o informe do Defensor del Pueblo, "en 5 dos ultimos 10 anos non se fixo ningunha inspección na mina de Touro e entre 2011 e 2014 a información achegada sobre a contaminación dos acuíferos é excesivamente escueta". 

Outro dos elementos sobre os que alerta o ditame do Defensor del Pueblo  é o feito de que entre 1988 e 1993 non se acredita actividade mineira en Touro. Polo que, tal e como recoñece a institución, a Xunta debería ter sancionado a empresa por non presentar o seu plan de labores anual e iniciar un expediente de caducidade da concesión. "Unha actitude neglixente da Xunta", segundo Antón Sánchez, que se refire a Touro "pero é unha mostra máis do que fai en toda Galicia, demostrando desprezo pola legalidade, polo medio ambiente e polo interese xeral". 

Comentarios