Noriega e Bugallo inician o traspaso de poderes

Noriega e Bugallo inician o traspaso de poderes
Noriega e Bugallo inician o traspaso de poderes

O alcalde en funcións explicou que a xuntanza "segue a unha serie de contactos informais que se veñen mantendo nos últimos días, e ten como obxectivo realizar un traspaso de responsabilidades"

O alcalde en funcións, Martiño Noriega, e o candidato da lista máis votada nas pasadas eleccións e futuro alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, mantiveron onte unha xuntanza para iniciar o traspaso de poderes entre os dous grupos de Goberno. Na reunión participaron os concelleiros e concelleiras do actual Goberno en funcións, así como os edís electos do PSOE nos comicios locais do pasado 26 de maio.

O alcalde en funcións explicou que a xuntanza "segue a unha serie de contactos informais que se veñen mantendo nos últimos días, e ten como obxectivo realizar un traspaso de responsabilidades que pretende ser exemplar, tal e como merece a institución da capital de Galicia". 

Para iso, o Goberno en funcións fixo entrega de ata 25 informes técnicos de distintas áreas municipais, realizados por persoal responsable das xefaturas de servizo e de sección, das direccións de área e das xerencias dos organismos e empresas participadas polo Concello de Santiago.

Ademais, tal e como apuntou Martiño Noriega, "todos os concelleiros e concelleiras en funcións puxéronse a disposición dos novos edís, para dar conta da situación de cada área concreta e dos expedientes que queiran coñecer máis en detalle". O rexedor en funcións asegurou que a xuntanza discorreu "nun ambiente de total cordialidade, tal e como debera ser a norma en todas as institucións e en todos os traspasos de responsabilidades".

Pola súa parte, o futuro alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, destacou a "cordialidade democrática" do encontro. Indicou que se estudiarán os informes presentados e que serán analizados durante estes días, celebrando novas reunións de ser necesarias. 

Comentarios
Lo más