Condenan ao Santander a devolver 109.000 euros a catro particulares que compraron accións do Banco Popular no 2016

Condenan ao Santander a devolver 109.000 euros a catro particulares que compraron accións do Banco Popular no 2016
Condenan ao Santander a devolver 109.000 euros a catro particulares que compraron accións do Banco Popular no 2016

A entidade financeira renuncia, por vez primeira, a recorrer a sentenza dun xulgado coruñés, que a condena tamén ao pago dos custos procesuais

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de A Coruña condena ao Banco de Santander, como sucesor do desaparecido Banco Popular, a devolverlles a dous transportistas de Arzúa e aos familiares directos deles os 109.183,75 euros que investiran na emisión de valores de 2016 desta entidade.

O socio director de Pérez-Lema Avogados, Xoán Antón Pérez-Lema, sinala como novidoso o feito de que "por primeira vez, o Santander renuncie a recorrer a sentenza", que deste modo faise firme en todos os seus termos, que inclúen os custos procesuais e os intereses legais desde o 30 de maio de 2016.

A xuíza tamén dispón no fallo que se desconten da cantidade obxecto de devolución "os dividendos que xerasen as accións adquiridas ... no improbable caso de que efectivamente se xerasen".

Na sentenza, a maxistrada considera "acreditado que o folleto informativo (entregado polo Popular aos clientes) non reflectía a imaxe fiel da entidade emisora, nin os riscos que supuña a emisión de accións para a ampliación do capital.

En consecuencia, “non constando que os actores fosen conscientes de tales riscos, nin advertidos deles", está fóra dúbida que compraron as accións “sen coñecemento de causa" nin da posibilidade "de perder por completo o investimento nun curto período de tempo”, xa que en caso contrario "non adquirirían as accións".

“Existindo erro esencial e escusable, que vicia o consentimento prestado nos contratos de compra das accións, este debe ser anulado", conclúe.

Comentarios