Rematan as obras de rehabilitación da antiga sede da Cruz Vermella de Ordes

Rematan as obras de rehabilitación da antiga sede  da Cruz Vermella de Ordes
Rematan as obras de rehabilitación da antiga sede da Cruz Vermella de Ordes

Será destinada a fins sociais como vivenda de alugamento para unidades familiares con necesidades especiais. O investimento realizado aproxímase aos 44.400 euros

O Concello de Ordes vén de rematar a rehabilitación da antiga sede da Cruz Vermella, situada na zona de Queirúa, tras un investimento total que ascendeu a 44.390 euros, quedando sufragado algo máis do 80% coa subvención concedida pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda. 

Nas condicións que se deben cumprir por parte do Concello estipúlase que a dita vivenda deberá destinarse polo menos 15 anos ao alugamento de unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos na mesma orde (DOG núm. 246, 29 decembro 2017), sendo a área de Servizos Sociais a encargada do proceso de avaliación e asignación.

Ao longo dos últimos meses leváronse a cabo multitude de traballos no inmoble, o cal consta de tres dormitorios, dous baños, corredor, salón e cociña. Demolición de azulexados, pavimentos, carpinterías interiores e exteriores, instalacións eléctricas etc; a colocación de armarios, falsos teitos, pavimento interior de gres de porcelana, azulexado en baño e cociña; ademais da instalación da carpintería exterior de aluminio dotada con ponte térmica e persianas. 

Tamén se renovou toda a instalación eléctrica, as canalizacións de saneamento e abastecemento e as tomas de telecomunicacións (TV e telefonía). Dotouse dun sistema de climatización mediante radiadores eléctricos programables en todas as estancias e un novo acumulador de auga e, por último, acometéronse os traballos de pintura en todas as fachadas, aleiros da cuberta e teitos de terrazas.

Susana García, concelleira en funcións de Benestar Social, achegouse no día de hoxe ata a nova vivenda para ver de primeira man o resultado final desta intervención, dándolle o seu visto e prace.

Comentarios