Música e contos nas arredor das obras galardoadas co Premio Compostela grazas a Kalandraka na SELIC

Música e contos nas arredor das obras galardoadas co Premio Compostela grazas a Kalandraka na SELIC
Música e contos nas arredor das obras galardoadas co Premio Compostela grazas a Kalandraka na SELIC

Será hoxe sábado ás 18:00 horas na carpa da SELIC, que se celebra na Praza da Quintana

“Cándido e outros Premios Compostela” é o lema da sesión de contos e música que ofrecerá KALANDRAKA hoxe sábado ás 18:00 horas na carpa da SELIC, que se celebra na Praza da Quintana. “Cándido e os demais”, de Fran Pintadera e Christian Inaraja, foi a obra galardoada na pasada edición do certame, do que tamén xurdiron títulos como “A viaxe de Olaf” de Martín León Barreto, “Despois da chuvia” de Miguel Cerro e “A horta de Simón” de Rocío Alejandro. Algúns deles conformarán o repertorio na voz de Sara Lebedinsky e na música de Álex Fente, que pertencen ao equipo de animación á lectura de KALANDRAKA.

A esta proposta para público infantil seguiralle outra actividade para público xuvenil e adulto o vindeiro xoves día 13 ás 20:00 horas, cun faladoiro arredor de “Pippi Mediaslongas” no que participará o seu tradutor ao galego, David A. Álvarez. O gran legado literario da escritora sueca Astrid Lindgren, as claves desta obra tan emblemática coa que medraron moitas xeracións de nenas e nenos en todo o mundo, a frescura e a irreverencia que caracterizaban a protagonista desta colección de relatos e a controversia que xerou entre os sectores máis conservadores da sociedade, a adaptación deste clásico a outros xéneros como o cinema ou a animación... serán algunhas das cuestións nas que se afondarán neste diálogo aberto e participativo.

Da man do biólogo e profesor Xulio Gutiérrez, tamén haberá ocasión para incidir na importancia de respectar e preservar a natureza e a biodiversidade. Autor da serie “Animais Extraordinarios” e coordinador da colección de Ciencia de KALANDRAKA, o seu novo libro titúlase “Viaxeiros”. Este traballo, que se dará a coñecer o próximo sábado día 15 ás 13:00 horas, permite acompañar os animais que -por terra, mar e aire- realizan as viaxes máis longas e arriscadas, co obxectivo de sobrevivir. Entre eles a andoriña, o salmón atlántico, a bolboreta monarca ou o bisonte americano.

Trátase dun libro de gran formato que ofrece información asequible e interesante, acompañada dunhas espectaculares ilustracións naturalistas realizadas por Nicolás Fernández.

A axenda de propostas de KALANDRAKA durante a SELIC concluirá coa visita do profesor e escritor Xosé Manuel González ‘Oli’, que presentará “Ratos da viaxe” na compaña do músico compostelán Paco Nogueiras. Despois de “Os ratos da casa”, neste segundo volume -ambos ilustrados por Natalia Colombo- os protagonistas emprenden unha divertida excursión ata a praia aproveitando o bo tempo e as vacacións. As rimas, o ritmo e o xogo de palabras volven ser os recursos nos que se apoia o autor, que tamén están presentes en obras como “Once damas atrevidas” e “O pirata Pata de Lata”.

Comentarios
Lo más