Oroso celebrou a súa IV Gala da Cultura

Oroso celebrou a súa IV Gala da Cultura
Oroso celebrou a súa IV Gala da Cultura

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asegurou na súa intervención que “a nosa aposta pola cultura seguirá, pola súa capacidade de formación e porque xenera emprego”

O Concello de Oroso celebrou o venres pola noite a súa VI Gala da Cultura, un evento que ten como obxectivo recoñecer o traballo e os méritos de todas aquelas persoas e entidades que traballan no eido da cultura ou apoian as actividades culturais no municipio.

Nesta ocasión, recibiron un galardón a empresa La Bellota polo seu apoio á cultura, Alfonso Sánchez Velazco na categoría de Promesa, a asociación Néboas do Cumio e Manuel Vázquez Alemán, neste caso pola súa traxectoria. A gala serviu ademais para entregar os premios dunha nova edición do certame de investigación sobre o Camiño Inglés e do concurso ‘Escríbelle unha carta a Cosme III de Médicis’.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asegurou na súa intervención que “a nosa aposta pola cultura seguirá, pola súa capacidade de formación e porque xenera emprego”. “Somos un concello que está agora mesmo no mapa cultural, tamén grazas ao Camiño Inglés”, lembrou.

Pola súa parte, o concelleiro de Cultura de Oroso, Luis Rey, agradeceu “a participación dos veciños e veciñas de Oroso, que sodes os que acudides de forma masiva ás actividades culturais que organiza o concello; a cultura debe ser un servizo público, pero nada do que facemos tería sentido se non houbese interese pola vosa parte”.

“Para o Concello de Oroso, a cultura non só é unha prioridade, se non que tamén é unha responsabilidade; a cultura é unha garantía para educar e formar ás novas xeracións, por iso apostamos pola promoción da lectura, a música ou o teatro desde idades moi tempranas”, afirmou Luis Rey.

A gala forma parte de ‘Mergúllate na Cultura’, que ata o mes de xullo leva a Oroso concertos, obras de teatro, exposicións e obradoiros para todas as idades. Haberá tamén actividades no exterior da piscina.

Comentarios