En Marea demanda unha regulación do sector eléctrico que remate coa especulación e garanta o futuro industrial

En Marea demanda unha regulación do sector eléctrico que remate coa especulación e garanta o futuro industrial
En Marea demanda unha regulación do sector eléctrico que remate coa especulación e garanta o futuro industrial

Luís Villares e Francisco Casal participaron na manifestación convocada na Coruña polos comités de empresa de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlántic

En Marea insta ao goberno central e á Xunta de Galicia a actuar para garantir o futuro da industria electrointensiva e rematar coa especulación nos prezos da luz. Unha situación que ameaza o futuro do emprego e a actividade industrial nas plantas de Alcoa, Ferroatlántica ou Celsa Atlantic. E para a que a formación demanda solucións urxentes.

O voceiro de En Marea e o deputado Francisco Casal manifestáronse este sábado na Coruña xunto aos comités de empresa de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlántic para esixir solucións de futuro para a industria electrointensiva. Luís Villares denunciou a pasividade dos gobernos central e galego, que a pesar da situación límite na que se atopan os traballadores destas firmas non están actuando coa valentía e a contundencia precisas.

"É o momento de esixirlle ao goberno de España tres cousas: unha regulación do sector eléctrico que acabe coa especulación no prezo da enerxía; algo que sería bo para a industria electrointesiva, pero tamén para o conxunto dos recibos da luz de todas as familias. E que esa regulación vaia acompañada dun plan de investimentos e da garantía do emprego". Son palabras de Luís Villares, que insta aos executivos autonómico e estatal a actuar o antes posible "para garantir os postos de traballo, o futuro industrial e un prezo da luz que non sexa abusivo, nin para a industria nin para as familias".

O voceiro de En Marea lamentou as recentes afirmacións do presidente da Xunta de Galicia, ao que instou a dar un paso á fronte e a impulsar as medidas que están na súa man para garantir a continuidade do emprego en Ferroatlántica. " Núñez Feijóo di que o goberno da Xunta está á expectativa, pero nós pensamos que un goberno non debe estar á expectativa, debe estar actuando", indica Villares. Que lembra que o índice industrial cae en Galicia un 11% nos últimos tempos como consecuencia do descenso da actividade de Alcoa e Ferroatlántica.

"No caso concreto de Ferroatlántica é necesario garantir e esixir que se cumplan os termos da concesión e que se ligue a produción hidroeléctrica ao propio futuro industrial da Costa da Morte. Algo que non está facendo a Xunta de Galicia a pesar de que podería", denuncia Villares.

TARIFA INDUSTRIAL FIXA

Pola súa banda, Francisco Casal destacou a urxencia de que o goberno central actúe antes da data límite do 30 de xuño. O deputado lembrou as propostas que En Marea ven realizando dende hai xa tres anos para rematar coa especulación e garantir prezos estables para a enerxía eléctrica. E instou á posta en marcha dunha tarifa industrial baseada en que as centrais hidráulicas e nucleares que xa están amortizadas poidan beneficiarse dunha tarifa fixa, "como pasa en Francia. Unha tarifa que establecemos no entorno dos 40-42 euros megawatio/hora. Case un 30% por debaixo do prezo actual". E que, tal e como destaca o deputado, permitiria rematar co excesivo beneficio que acumula o oligopolio eléctrico. "2.000 millón de euros de renda que se extraen das familias e das empresas. Un regalo ás eléctricas que non ten sentido, e que sería posible regular mediante decreto lei. Ese sería o principio da solución", indica. 

Comentarios