Alumnos da EAEM ofrecen hoxe martes un novo concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

Alumnos da EAEM ofrecen hoxe martes un novo concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago
Alumnos da EAEM ofrecen hoxe martes un novo concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

As entradas destes concertos son gratuítas ata completar aforo

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. Como colofón dos seus estudos, os xoves músicos están a protagonizar estes días varias actuacións no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia. As entradas destes concertos son gratuítas ata completar aforo.

Hoxe martes, 11 de xuño, haberá un novo concerto, que comezará ás 20:30 horas. O público terá a oportunidade de gozar coa viola de Celia Carabias. A xove músico tocará dúas obras xunto á pianista Eriko Ishimoto, unha selección da Suite para violoncello solo nº 5 de Bach e da Sonata “Arpeggione” de Schubert.

De seguido soarán catro obras para clarinete da man de Jorge Ripoll, que tamén estará acompañado pola pianista Eriko Ishimoto. En primeiro lugar interpretará as Tres pezas para clarinete solo de Ígor Stravinski, pequenas miniaturas musicais. Logo poderán escoitarse as Tres pezas de fantasía de Schumann (que compuxo en só dous días, en 1849, o ano máis frutífero do compositor), o Estudio de concerto nº 2 “Impromptu” do músico español Julián Menéndez e Pièce en forme de habanera do francés Maurice Ravel.

Logo a violoncellista Elena Domínguez interpretará un fragmento da Suite nº 6 para violoncello solo de Bach e a Sonata para violoncello e piano do compositor ruso Dimitri Shostakóvich, que a compuxo en apenas un mes. Tocará xunto á pianista Eriko Ishimoto.

A violinista Ewa Pawlowska porá o broche final a este recital. Interpretará fragmentos de varias obras para o seu instrumento. Comezará coa Sonata para violín solo nº 2 de Bach e concluirá co Concerto para violín de Jean Sibelius. Estará acompañada pola pianista Simona Velikova.

Esta iniciativa de “A Escola na Cidade” ofrecerá o seu derradeiro concerto deste curso este mércores, 12 de xuño, tamén no Paraninfo da Universidade de Santiago.

Comentarios
Lo más