Os pequenos dos comedores escolares de Ames elixen o churrasco con patacas como menú de fin de curso

Os pequenos dos comedores escolares de Ames elixen o churrasco con patacas como menú de fin de curso
Os pequenos dos comedores escolares de Ames elixen o churrasco con patacas como menú de fin de curso

Este ano o churrasco con patacas frita gañou nos comedores dos CEIP Agro do Muíño, Barouta e a Maía, mentres que a pizza de xamón e quixo impúxose nos comedores do CEP de Ventín e da EEI do Milladoiro 

Por cuarto ano consecutivo, os rapaces e rapazas que son usuarios da Rede Municipal de Comedores Escolares elixiron o churrasco con patacas fritas e o xeado de xeo como menú de fin de curso. O departamento de Educación do Concello de Ames dálles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede de comedores de que elixan o menú de fin de curso, unha comida que este ano se celebrará o 20 de xuño. Estes peculiares comicios leváronse a cabo nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro.

Xa se coñece o resultado das eleccións que se celebraron a pasada semana, co obxectivo de elixir os pratos que conformarán o menú do día 20 de xuño da Rede Municipal de Comedores Escolares. Este é a décimo cuarta vez que se celebran eleccións nos comedores escolares para escoller os pratos cos que se quere despedir o ano académico. As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. Co cento por cento dos votos escrutados, o churrasco con patacas fritas e o xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) proclamáronse como os gañadores. Votaron 1.042 nenos e nenas.

O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: churrasco con patacas fritas, 345 votos; pizza de xamón e queixo, 312 votos; albóndegas con arroz e salsa de tomate, 185 votos; espaguetes á boloñesa con queixo, 103 votos; peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, 77 votos; e pescada rebozada con pasta tricolor, 26 votos. Na sobremesa, o polo de xeado impúxose con 448 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 292 votos. Os amorodos con nata acadaron 146 votos; o iogur de chocolate 109 votos, e o flan con nata, 41.

Dende o 2011 o churrasco con patacas fritas gañou en sete ocasións e a pizza de xamón e queixo dúas veces. En 2011, 2012 e 2013 gañou o churrasco, mentres que en 2014 e 2015 impúxose a pizza. Os catro últimos anos volveu a gañar o churrasco como o prato favorito dos nenos e nenas da Rede municipal de comedores escolares.

Este ano o churrasco con patacas frita gañou nos comedores dos CEIP Agro do Muíño, Barouta e a Maía, mentres que a pizza de xamón e quixo impúxose nos comedores do CEP de Ventín e da EEI do Milladoiro. O xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) gañou nos comedores dos CEIP da Maía e do Agro do Muíño, así como no CEP de Ventín, mentres que o xeado de corte de tres sabores foi a sobremesa máis votada nos comedores de Barouta e da EEI do Milladoiro.

Os nenos e nenas tiveron que escoller un prato e unha sobremesa. No caso do prato había seis posibilidades: churrasco con patacas fritas, pizza de xamón e queixo, peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, albóndegas con arroz e salsa de tomate, espaguetes á boloñesa con queixo e pescada rebozada con pasta tricolor. A listaxe de opcións de sobremesa contiña cinco opcións que eran o polo de xeado, xeado de corte de tres sabores, amorodos con nata, iogur de chocolate e flan con nata.

Comentarios