O CIFP Compostela acolle as Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

O CIFP Compostela acolle as Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia
O CIFP Compostela acolle as Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

Ata 25 profesionais de Galicia e do territorio nacional serán os encargados de calificar as producións e elixir os gañadores do certame máis importante do sector

O director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, presentou onte aos medios de comunicación o proceso das Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2019, que comezan hoxe ás 9.30 horas no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela.

As catas a cegas prolongaranse ata o venres 14 e serán realizadas por 25 profesionais de Galicia e do resto do territorio nacional (18 de viños e 7 de licores) para valorar as case 400 mostras de todas as categorías que se presentaron este ano ao certame. En concreto, este ano hai 157 adegas de viño participantes que entregaron 349 mostras. No caso das augardentes e licores hai outras 16 adegas con 42 mostras.

Así o explicou onte o director da Agacal, quen ademais sinalou que o catador invitado deste ano será o actor galego Antonio Mourelos, un gran afeccionado ao mundo do viño e que estará catando na fase final o próximo xoves día 13 pola mañá. A decisión de incluír un personaxe coñecido ten por obxectivo vincular a cultura do viño e a experiencia da cata profesional a persoas de fóra do sector vitivinícola.

Nacido en Lugo, Antonio Mourelos traballou en diversas series populares de televisión e nalgunhas películas. Licenciado en Imaxe e Son pola Facultade de Ciencias da Información (Universidade Complutense de Madrid), é profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (Universidade de Santiago de Compostela).

Respecto ao resto do panel de cata, Manuel Rodríguez sinalou que en total son 18 os catadores seleccionados para o certame dos viños. Deles, unha parte importante son sumilleres e enólogos galegos. Así, en nome da Asociación Galega de Enólogos estarán os reputados Álvaro Bueno, Pablo Ibáñez e Cayetano Otero. Tamén estará a veterana enóloga galega Cristina Mantilla e as Asociacións de Sumilleres Agasu e Gallaecia, representadas por Darío Varela e Pedro Sestayo, respectivamente.

Ademais, tamén participarán profesionais da prensa especializada. Nesta edición, hai tres invitados do territorio nacional. Dende Valencia virá José Luis Contreras, socio-fundador de Verema, a maior comunidade virtual do mundo relacionada co viño e a gastronomía en fala hispana. Outra catadora será Mar Romero, xornalista especializada en viños e gastronomía, quen ademais de dirixir e presentar o programa Mesa y Descanso en Capital Radio (Madrid), escribe en distintos medios nacionais e é membro do comité de cata da Guía Gourmets. Tamén será xurado Antonio Casado, xornalista e crítico de viños afincado en Madrid, catador da guía de viños e aceites de La Semana Vitivinícola. Traballou co prestixioso José Peñín, subdirector da edición española de Whisky magazine e redactor-xefe da revista Vino+Gastronomía. Como representante do periodismo galego acudirá Martina Vicente, xornalista e directora de La Alacena Roja.

Ademais, o panel de cata contará cos representantes da distribución de viños, David Ramos, de Venta Horeca (A Coruña) e José Arangude de Ribeira de Fefiñáns (Cambados). Representando aos consellos reguladores catarán Javier Pérez (Rías Baixas), Nuria Trigueros (Monterrei), Juan Ángel Fernández (Ribeira Sacra), Ricardo Dobao (Valdeorras) e José Luis Fernández (Ribeiro). Representando á Agacal participará Ana Fernández González.

AUGARDANTES E LICORES TRADICIONAIS DE GALICIA

No que se refire á cata de Augardentes e Licores Tradicionais, sete profesionais encargaranse de avaliar os produtos amparados polas I.X.P Augardente de Galicia, Licor Café de Galicia e Licor de Herbas de Galicia. Dúas expertas investigadoras galegas, Mar Vilanova, doutora en Bioloxía pola USC e investigadora en viticultura no CSIC, e Sandra Cortés, doutora en Química Analítica e investigadora da Universidade de Vigo.

Tamén formará parte do panel de cata, Luis Buitrón, presidente da Asociación Galega de Enólogos, vicepresidente da Federación Española de Asociacións de Enólogos e asesor de adegas en Galicia, Asturias e Castela e León; o sumiller José Mª Martínez; a destiladora de Viña Blanca do Salnés, Sonia Otero; a CEO e membro de The foodie searcher, Marité Romero, e o xa mencionado Antonio Casado.

PREMIOS

A organización outorgará un premio (trofeo e diploma) para o Mellor Viño Branco e outro para o Mellor Viño Tinto de Galicia, elixido entre os brancos e tintos mellor puntuados de toda Galicia. Ademais, para cada denominación outorgaranse ata tres premios (Acio de Ouro, Prata ou Bronce) aos tres viños mellor valorados, así como para os Viños da Terra, colleiteiros, colleitas anteriores, madeira, espumosos, ecolóxicos, variedades senlleiras e tostados (o número de premios por categoría sempre será en función do número de mostras recibidas). En total, nas bases do certame contémplanse ata 21 categorías diferentes para as Catas dos Viños.

No que se refire ás augardentes hai outras cinco categorías: Augardente de Galicia, Augardente de Galicia Envellecida, Augardente de Herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia, que recibirán o Pote de Ouro, Prata ou Bronce, segundo a valoración o número de mostras.

Comentarios