Leiceaga alerta da "parada técnica" da Xunta de Galicia

Leiceaga alerta da "parada técnica" da Xunta de Galicia
Leiceaga alerta da "parada técnica" da Xunta de Galicia

Xoaquín Fernández Leiceaga alerta dun goberno “ao tran tran” e “agardando polas eleccións e darlle paso a un goberno de cambio”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, alertou hoxe fronte a un goberno galego “en parada técnica”, que “perdeu o pulso e funciona por inercia, ao tran tran, agardando polas eleccións para darlle paso a un goberno de cambio, que é o que os socialistas pretendemos”. Así o dixo para valorar a parálise institucional e do programa lexislativo do goberno galego apenas un ano antes das eleccións autonómicas.

Leiceaga preguntaralle a Feijóo, no Pleno que comeza mañá, pola parálise á que está a sometendo ás institucións galegas, como é o caso do director da CRTVG, en interinidade dende que foi aprobada a Lei de 2012 que obriga a escoller o cargo por maioría parlamentaria. Algo semellante sucede coa Valedora do Pobo, á espera de que propoñan un substituto logo de que Milagros Otero fora condenada por desviación de poder e arbitrariedade e perdera a confianza da Cámara.

Tamén teñen aos 3 senadores que deben ser escollidos polo Parlamento de Galicia pendentes de que o PP propoña os nomes que lles corresponden e desbloqueen o trámite na Xunta de Portavoces, ou á presidencia do Consello Económico e Social, tamén en interinidade dende que destinaran á súa actual titular, Corina Porro, a presidir a xestora do PP de Vigo.

O responsable socialista puxo tamén como exemplo o baleiro na presidencia do Consello Social da USC, que leva un ano sen presidente, un cargo que ten que ser proposto polo goberno galego. Este caso constitúe un exemplo máis dunha situación que “non é boa para a institución nin para o conxunto de Galicia”, e que será obxecto dunha pregunta oral ao Goberno diante do Pleno do Parlamento que comeza mañá martes.

Esta situación de parálise esténdese tamén á programación lexislativa do goberno galego, que o ano pasado foi incumprida na práctica totalidade e non exercicio actual nin sequera foi feita pública. Fernández Leiceaga sinalou que, como pouco, falla ao non presentar as leis anunciadas de Emprego e de Impulso Demográfico.

Comentarios
Lo más