Os Albertos do Compos, Naveira e Freire, continuarán un ano máis no equipo

Os Albertos do Compos, Naveira e Freire, continuarán un ano máis no equipo
Os Albertos do Compos, Naveira e Freire, continuarán un ano máis no equipo

Ao lateral e ao mediocentro quedanlle un e dous anos de contrato, respectivamente

O proxecto da SD Compostela alcanza a día de hoxe un total de cinco pezas, xa que aos dous capitáns renovados e ao regreso de Queiruga, súmase a continuidade dun Álvaro Naveira e Alberto Freire aos que lle restan aínda un e dous anos de contrato respectivamente. O lateral e o mediocentro asinaran con anterioridade un vínculo de longa duración co club polo que seguirán ligados a el un curso máis.

Ambos, dous futbolistas mozos, da Coruña e Negreira, e con moita proxección no fútbol, adáptanse á perfección á filosofía que tomou a SD Compostela fai tres tempadas co propósito de regresar a categorías superiores a medio ou longo prazo.

Por unha banda, Álvaro Naveira López asentouse nestes dous cursos no carril esquerdo do plantel, sendo o único futbolista puro nesta demarcación. Desde a súa chegada procedente do Fabril, o defensa foi un fixo nos esquemas de Yago Iglesias, superando amplamente os 2.000 minutos de xogo en ambas ocasións.

No primeiro ano, disputou 35 encontros, todos eles como titular, entre todas as competicións oficiais, anotando o único tanto do equipo na eliminatoria contra o Salmantino. Mentres tanto, neste segundo, xogou 34, vinte e nove saíndo de inicio.

Polo outro lado, Alberto Freire Riveiro non viviu, sen dúbida, a tempada que lle gustaría. O canteirán branquiazul lidiou cunha pubalxia, que arrastraba desde o playoff do verán pasado, que o deixou fóra do plantel durante máis de tres cuartos de ano. Diversos tratamentos e unha operación dilataron a espera, polo que só puido participar en tres partidos, que se sumaron aos doce, cun gol, da anterior.

Comentarios