O Teatro Principal acolle este venres o espectáculo "Palabras que habitan corpos"

O Teatro Principal acolle este venres o espectáculo "Palabras que habitan corpos"
O Teatro Principal acolle este venres o espectáculo "Palabras que habitan corpos"

O ambigú do Teatro Principal acolleu onte á mañá a rolda de prensa de presentación desta acción, na que este ano o alumnado participante é o que decide que quere contar baixo a premisa: "Que te move?"

Chega unha terceira edición do programa comunitario multidisciplinar Torre de Babel, que se vén celebrando no Concello de Santiago co apoio da área de Políticas Sociais. Desta vez, o Teatro Principal acollerá este venres, a partir das 20:30 horas, o espectáculo de danza Palabras que habitan corpos, dirixido por Leo Rodríguez e Carlota Pérez.

O ambigú do Teatro Principal acolleu onte á mañá a rolda de prensa de presentación desta acción, na que este ano o alumnado participante é o que decide que quere contar baixo a premisa: "Que te move?" Tal e como explicou a concelleira en funcións de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, "os participantes, máis de 20 en todo o espectáculo, usan o seu propio corpo, a palabra, a voz e a imaxe para realizar unha posta en escena única, con diversas micropezas propostas polos propios alumnos e alumnas". 

Na rolda estiveron dous dos alumnos participantes, Elvis García e Isabel (Beli) Miranda, quen explicaron as súas propias experiencias. Ambos coincidiron en que "ademais de ser unha compañía de teatro e danza, somos unha gran familia que coidamos o factor humano".

Ademais de Leo Rodríguez e Carlota Pérez, tamén dirixirá a obra o alumnado do proxecto "xa que este ano", tal e como sinalou a edila, "foi o elenco quen decidiu a súa propia dirección, o que converte isto nun proxecto inclusivo e creativo". Na mesma liña se pronunciou Carlota Pérez, quen destacou que "este ano quixemos enfocar o traballo doutro xeito, apostando máis pola formación artística e musical e non centrándonos tanto no resultado final". En total foron tres meses de traballo que Leo Rodríguez quixo poñer en valor destacando "a gran cantidade de persoas traballando xuntas".

A dirección musical e arteterapia estivo a cargo de Rebeca Ponte; as atmosferas sonoras no proceso de creación levounas a cabo Óscar Cuesta; o adestramento de corpo, Adriana Paulos; e a fotografía, Vari Caramés. Adriana Paulos explicou a súa metodoloxía de traballo "utilizando a ximnasia terapéutica, que permite traballar as articulacións de maneira suave".

A acción estrearase o venres 14 de xuño, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, e a partir de aí intentará entrar nos distintos circuítos creativos, cunha segunda actuación a finais de mes na Coruña. A entrada é de balde e os convites poden retirarse no despacho de billetes do propio teatro o día anterior de 19:30 h a 21:00 h e o propio día dende as 18:00 h.

FOTOLIBRO 

Os fotógrafos Vari Caramés e Andrés Vilas desenvolverán, a modo de conclusión e memoria do proxecto, un fotolibro que estará dispoñible a partir de setembro e que servirá para dar conta do intenso traballo levado a cabo durante os últimos meses por Común Arte. Os integrantes do elenco realizaron os ensaios nos centros cívicos do Romaño e da Pontepedriña. 

Comentarios