Restriccións de tráfico e servizo de transporte urbano para "O Son do Camiño"

Restriccións de tráfico e servizo de transporte urbano para "O Son do Camiño"
Restriccións de tráfico e servizo de transporte urbano para "O Son do Camiño"

O servizo comezará o xoves ás 12:00 horas e rematará o domingo de madrugada ás 5:00 horas 

Con motivo da celebración do festival O Son do Camiño, que terá lugar no Monte do Gozo o xoves 13, venres 14 e o sábado 15 de xuño, produciranse as seguintes modificacións no tráfico:

Pecharase á circulación a rúa das Estrelas (dende a rotonda coa rúa de Fernando Casas Novoa), a rúa do Gozo e a rúa da Agra dos Campos dende as 14:00 horas do xoves 13 ata as 3:30 horas do domingo día 16 de xuño, excepto para os/as residentes ou vehículos de persoas con mobilidade reducida.

En función da densidade do tráfico poderán sufrir cortes puntuais as rúas de Senande e de San Marcos.

Recoméndase na medida do posible empregar o transporte público, reforzado por dous servizos lanzadeira, e evitar o uso do turismo privado. Para facilitar o estacionamento do mesmo reservarase o aparcadoiro do Estadio de San Lázaro e do Mercado de Amio para asistentes ao evento.

TRANSPORTE URBANO

Haberá dous servizos lanzadeira, un dende o centro da cidade e outro dende o recinto feiral de Amio, que funcionarán durante os días 13, 14 e 15 de xuño de forma continuada ata o acceso ao Monte do Gozo. O servizo arrincará ás 12:00 o xoves e ás 14:00 horas o venres e o sábado, e finalizará ás 4:30 horas da madrugada do xoves ao venres, e ás 5:00 horas das madrugadas do venres ao sábado e do sábado ao domingo. A partir das 23:00 horas, as lanzadeiras realizarán exclusivamente viaxes de volta dende os puntos de saída próximos ao monte do Gozo ata o centro da cidade e ata o recinto feiral de Amio.

- A liña especial 1 terá como punto de saída a rúa do Hórreo, no carril bus fronte á estación de ferrocarril. O punto de saída dos servizos de volta a partir das 23:00 horas será a avenida de Fernando Casas Novoa, confluencia coa SC-20.

- A liña especial 2 terá como punto de saída o acceso ao recinto feiral de Amio. O punto de saída dos servizos de volta a partir das 23:00 horas será a rúa de San Lázaro, confluencia coa rúa de Miguel Ferro Caaveiro.

Ademais, os asistentes aos concertos dispoñen doutras dúas liñas do transporte urbano, a 6 e a 7, para achegarse ata o Monte do Gozo:

- A liña 6 (Os Tilos – San Marcos) realiza paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (zona Costa de San Marcos e Hotel Santiago Apóstol). Nesta liña, as frecuencias serán de 20 minutos o xoves e o venres, e de 30 minutos o sábado pola tarde. As paradas máis céntricas para o acceso á liña 6 son: (691) rúa do Hórreo (estación de ferrocarril), (276) rúa do Hórreo (Parlamento), (277) rúa do Hórreo nº 23, (228) rúa da Ensinanza e (662) rúa da Virxe da Cerca nº 10. A parada máis próxima á estación de autobuses para acceder á liña 6 é a 533, avenida de Rodríguez de Viguri, estación de autobuses. A parada máis próxima ao estadio de San Lázaro para acceder a esta liña é a 562, rúa de San Lázaro nº 82.

- A liña 7 (Valle-Inclán – Aríns), conta tamén con paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (rotonda de Agra dos Campos con rúa das Estrelas) nos servizos con destino Aríns. Terá unha frecuencia de 60 minutos todos os días do festival. As paradas máis céntricas para acceder á liña 7 son: (637) rúa de Valle-Inclán (dársena de autobuses), (660) rúa de Virxe da Cerca (Praza de Abastos), (247) rúa de Fonte de Santo Antonio nº 3 e (410) praza de Galicia nº 3.

Comentarios