O Pino clausurou o sábado as súas Escolas Deportivas coa participación de 250 nenos

O Pino clausurou o sábado as súas Escolas Deportivas coa participación de 250 nenos
O Pino clausurou o sábado as súas Escolas Deportivas coa participación de 250 nenos

ANPA e Concello fixeron un acto conxunto no que o alumnado amosou as súas destrezas en diferentes disciplinas

Numerosos familiares e amigos acudiron o sábado ao polideportivo municipal de Pedrouzo para animar aos 250 nenos e nenas que este ano participaron nas escolas deportivas municipais e actividades culturais e extraescolares que organizaron o Concello de O Pino e a ANPA do CPI Camiño de Santiago durante o presente curso escolar.

Patinaxe, baloncesto, bádminton, baile moderno, fútbol sala, robótica, informática, zumba e kárate foron algunhas das exhibicións coas que nenos e adolescentes fixeron as ledicias dos maiores que os animaban dende as bancadas. Durante un pequeno descanso para repoñer forzas cuns petiscos, os asistentes puideron tamén comprobar as habilidades adquiridas polo alumnado do colexio que participou na actividade e artes plásticas.

Dende as dez e ata preto das dúas da tarde sucedéronse as exhibicións nas diferentes disciplinas que se impartiron nas escolas deportivas municipais organizadas polo departamento de Deportes de O Pino, na que están inscritos 250 nenos e nenas, o que convirte ao concello nun dos primeiros de Galicia en canto a taxa de participación en relación ao número de alumnado matriculado no colexio público.

A ANPA sumouse tamén a esta actividade, e os nenos e nenas que acudiron ás actividades extraescolares promovidas pola Asociación de Pais e Nais do CPI Camiño de Santiago puideron amosar todo o que aprenderon este ano en zumba, ballet, informática, robótica, artes plásticas e kárate.

Ao rematar, todos os nenos e nenas asistentes levaron como recordo unha medalla e unha mochila coa que os agasallou o Concello de O Pino.

Comentarios