Aberto o prazo para inscribirse nunha nova edición do Campus de verán Basquet Ames

Aberto o prazo para inscribirse nunha nova edición do Campus de verán Basquet Ames
Aberto o prazo para inscribirse nunha nova edición do Campus de verán Basquet Ames

O campus, que está organizado polo propio Club Básquet Ames en colaboración co Concello de Ames, incluirá servizo de madrugadores e comedor

Este verán chega a Ames cargado cunha ampla oferta de campus e campamentos, entre os que destacan as propostas deportivas. Neste eido, chega a terceira edición do Campus de verán Basquet Ames, destinado a nenos e nenas nados entre o 2004 e o 2013. Esta actividade desenvolverase en dúas quendas entre o 1 e o 12 de xullo, tanto no pavillón polideportivo municipal como no ximnasio do instituto do Milladoiro.

Para inscribirse será necesario enviar antes do 30 de xuño un correo ao enderezo de correo electrónico basquetames@gmail.com, no que se indiquen os datos do ou da menor e se anexe o comprobante de pagamento. O campus, que está organizado polo propio Club Básquet Ames en colaboración co Concello de Ames, incluirá servizo de madrugadores e comedor.

O pavillón polideportivo municipal e as instalacións deportivas do IES do Milladoiro acollerán, un ano máis, unha nova edición do Campus de verán Basquet Ames. A actividade, destinada a nenas e nenos nados entre 2004 e 2013, desenvolverase durante as dúas primeiras semanas de xullo en dúas quendas. Así, a primeira comprenderá do 1 ao 5 de xullo, mentres que a segunda irá do 8 ao 12 do mesmo mes.

O horario do mesmo estenderase desde as 10:00h ás 17:30 horas. Porén, as nenas e nenos que se inscriban no servizo de madrugadores comezarán ás 08:45 horas. Ao mediodía haberá unha pausa, entre as 14:00h e as 15:000 horas, para que as rapazas e rapazas poidan xantar nas súas casas ou no comedor do campus.

Entre as 10:00h e as 11:30 horas terá lugar o primeiro dos adestramentos do día, ao que seguirá un pequeno descanso de media hora para merendar e recuperar forzas. Entre as 12:00h e as 13:00 horas, as nenas e nenos contarán con tempo libre para dedicar aos xogos que máis lles apetezan, mentres que entre as 13:00h e as 14:00h acudirán á piscina municipal. 

Xa pola tarde, entre as 15:00h e as 15:45 horas, desenvolverase unha sesión de vídeo, na que se proxectarán imaxes das nenas e nenos realizando diferentes xestos técnicos, co obxectivo de detectar erros e por o aceno nas melloras acadadas por cada participante. Nestas sesións tamén se visualizarán gravacións de xogadores de elite realizando diferentes técnicas. Por último, entre as 15:45h e as 17:30 horas producirase o segundo e último adestramento do día.

O obxectivo deste campus é fomentar a práctica do baloncesto, ao tempo que ofrece unha formación de calidade neste deporte e facilita a conciliación das familias amesás durante o verán. Asemade, a captación de mozas e mozos para o propio Club é outro dos eixos fundamentais do traballo realizado no campus.

TARIFAS

Os nenos e nenas poderán participar neste III Campus Basquet Ames unha semana ou acudir durante toda a quincena. O prezo para as cativas que acudan ás dúas quendas é de 235 euros con comedor e 210 euros sen comedor, mentres que para as nenas e nenos que xoguen no Básquet Ames ou participen nalgunha escola deportiva municipal de Ames o prezo é de 195 euros con comedor e de 170 euros sen comedor. Por outra banda, o prezo do campus para unha semana é de 185 euros con comedor e 160 euros sen comedor. Neste caso, para as rapazas e rapaces do Básquet Ames o prezo é de 155 euros con comedor e 130 euros sen comedor. Ademais, haberá un desconto do 50% para as segundas ou segundos irmáns inscritos.

Comentarios