O Consorcio saca a concurso a obra de adecuación do Museo do Pobo Galego por valor de máis de dous millóns de euros

O Consorcio saca a concurso a obra de adecuación do Museo do Pobo Galego por valor de máis de dous millóns de euros
O Consorcio saca a concurso a obra de adecuación do Museo do Pobo Galego por valor de máis de dous millóns de euros

O prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 1 de xullo

O Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso a obra de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego, que dirixirá o organismo interadministrativo, por un valor global de 2.974.129,31 €. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 1 de xullo para presentar as súas propostas.

Os pregos que rexen este concurso pódense descargar na plataforma de contratación do Estado. Mañá mércores, 12 de xuño, ás 11:00 horas, programarase unha visita ao conxunto de San Domingos de Bonaval para aclarar as dúbidas dos posibles interesados.

Os arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsables deste proxecto son Idoia Camiruaga e Ramón Fernández Hermida. Explican que vaise adecuar a ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para acoller novos espazos expositivos, oficinas e outros usos do Museo do Pobo Galego. A superficie útil resultante das obras é de, aproximadamente, 1.600 m2. Nesta actuación tense en conta que esta ala poderá utilizarse de xeito independente ao resto do museo, mantendo os seus accesos propios. A intervención vaise prolongar ata finais de 2020 e prevese que o novo espazo se inaugure o vindeiro Ano Santo 2021.

Unha das propostas máis relevantes do proxecto é a creación dun núcleo de comunicación vertical que sexa útil tamén para o edificio principal e que sirva de enlace co mesmo. Este núcleo, que dará accesibilidade a todas as plantas do edificio, estará integrado por un ascensor de alta capacidade que permitirá mellorar a accesibilidade e por unha escaleira que unirá todas as plantas. Nunha zona próxima a este núcleo de comunicación habilitaranse aseos novos.

MELLORA DAS FACHADAS, CUBERTAS E CONDICIÓNS TÉRMICAS DO EDIFICIO

A actuación inclúe a intervención nas fachadas desta ala sur do edificio, que se van revocar, segundo o establecido polo Plan Director. Así mesmo, preténdese mellorar as condicións térmicas, con especial atención ás cubertas, que se van someter a unha renovación completa.

Na obra programada polo Consorcio de Santiago inclúese a limpeza e restauración da fachada do atrio da igrexa de Bonaval, as súas carpinterías e as súas reixas históricas.

CONSERVAR A TRAZA ORIXINAL DO EDIFICIO, DA DÉCADA DE 1650

Os arquitectos indican que nesta intervención vanse seguir as directrices do Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval, desenvolto polo Consorcio de Santiago como promotor, e cuxos autores son os arquitectos Celestino García Braña e Xerardo Estévez. Nesta liña, salientan que “vanse facer todas as obras necesarias para adaptar o inmoble aos usos que vai ter, deixando, na medida do posible, traza dos que tivo dende a súa construción na década de 1650, que é previa á do corpo principal do mosteiro”.

Comentarios