Alumnos da EAEM ofrecen hoxe un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

Alumnos da EAEM ofrecen hoxe un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago
Alumnos da EAEM ofrecen hoxe un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

A actuación, na que se interpretarán obras para frauta, violín e trompa, é gratuíta ata completar aforo

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. Como colofón dos seus estudos, os xoves músicos están a protagonizar estes días varias actuacións no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia. As entradas destes concertos son gratuítas ata completar aforo.

Hoxe mércores, 12 de xuño, haberá un novo concerto, que comezará ás 20:30 horas. A frautista Marta Gómez tocará a Sonata en Do de Bach. Tamén interpretará unha selección de Les Folies d´Espagne de Marin Marais (baseada na folía, unha antiga danza popular de pastores da Península Ibérica) e da Sonatina para frauta e piano de Pierre Sancan. Estará acompañada pola pianista Haruna Takebe.

De seguido o público terá a oportunidade de gozar co xove violinista David Castillo. Achegará aos asistentes un fragmento do Concerto para violín en re de Sibelius, no que o compositor finlandés expresa as súas emocións e o amor pola súa terra. Así mesmo, tocará parte de Havanaise, na que o francés Camille Saint Saëns recupera ritmos procedentes de África e melodías desenvoltas en Cuba. Acompañarao neste recital a pianista Simona Velikova.

O broche final da noite porao o trompista Germán Latorre. Tocará o Concerto nº 2 para trompa de Richard Strauss, xunto á pianista Simona Velikova.

Así remata o ciclo de concertos de “A Escola na Cidade” deste curso, unha iniciativa da Escola de Altos Estudos Musicais para que os seus alumnos teñan a oportunidade de ofrecer concertos de cámara como solistas. 

Comentarios