A Deputación adxudica por 98.000 euros as obras de reparación da histórica ponte Albar

A Deputación adxudica por 98.000 euros as obras de reparación da histórica ponte Albar
A Deputación adxudica por 98.000 euros as obras de reparación da histórica ponte Albar

A ponte, catalogada como ben cultural e incluida no inventario de pontes históricas de Galicia, conecta os municipios de Trazo e Santiago de Compostela sobre o río Tambre

A Deputación da Coruña adxudicou por 98.033,53 euros as obras de reparación da ponte Albar, un viaducto histórico que conecta os municipios de Trazo e Santiago de Compostela.

A sede da institución provincial acolleu esta mañá a sinatura do contrato coa empresa que se encargará da execución dos traballos, que comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de 4 meses.

A ponte, localizada no punto quilométrico 16+000 da estrada provincial DP 7804, sitúase sobre o río Tambre, actuando como límite físico entre os concellos de Santiago de Compostela e Trazo. A ambas marxes atópanse as parroquias de Santa María de Xavestre (Trazo) e San Xoán de Fecha (Compostela).

Trátase dun ben incluido no catálogo de bens culturais de ambos municipios e no inventario de pontes históricas de Galicia. A ponte conta con séculos de historia e aínda que a súa orixe segue sendo unha incógnita, hai numerosas referencias que a sitúan na Idade Media, cunha importancia notable, pois tratábase dunha das vías principais de conexión da cidade de Santiago cos portos do norte de Galicia e unha zona de paso do Camiño.

A ponte presenta actualmente diversos danos nos tallamares (construcións en forma de quilla que cortan as correntes de auga, evitando posibles danos nos piares), nos se aprecia a falta de material granítico provocada polo impacto de material de arrastre durante as fortes riadas que portan consigo ramas de árbores caídas.

DESMONTE O POSTERIOR MONTAXE DOS TALLAMARES

O obxectivo das obras será consolidar os elementos estruturais da ponte, para o que será preciso o desmonte dos tallamares ata a fiada inferior onde exista perda de material, previa numeración de cada unha das pezas de granito que as componen.

Unha vez desmontados os perpiaños e limpa a base de asento, procederase de novo ao seu remonte na posición orixinal, recuperando as pezas que se atopen caídas no río e usando pezas novas de granito se fora preciso.

Ademáis, os traballos contemplarán a eliminación da colonización bolóxica, a limpeza dos paramentos, saneamento das xuntas e encintado das mesmas con morteiro de cal, aplicación dun tratamento biocida e a roza da maleza na contorna da ponte. 

Comentarios