Feijóo visita o IDIS, centro pioneiro de investigación e innovación en Galicia

Feijóo visita o IDIS, centro pioneiro de investigación e innovación en Galicia
Feijóo visita o IDIS, centro pioneiro de investigación e innovación en Galicia

Resalta que este centro conta con máis de 4.000m2 destinados a acadar a excelencia asistencial a través da investigación clínica e á participación en procesos de innovación terapéutica desde fases temperás

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou onte que a ampliación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) permitirá aos seus traballadores seguir investigando, innovando e trasladando os seus coñecementos á sanidade pública galega.

Logo da posta en marcha o pasado ano da Unidade de Ensaios Clínicos da Fase Temperá, así como a terceira fase da construción dos laboratorios IDIS, Feijóo precisou que este instituto conta, na actualidade, cun total de máis de 4.000 metros cadrados destinados a acadar a excelencia asistencial a través da investigación clínica; á participación do hospital en procesos de innovación terapéutica no ámbito da farmacoloxía; e á integración de novas tecnoloxías innovadoras, así como á creación de coñecemento para o desenvolvemento de novas dianas diagnósticas e terapéuticas con beneficio para os pacientes.

“En definitiva, estamos a falar de intentar que o que aquí se fai teña repercusión asistencial, que a investigación sexa unha investigación aplicada e que todo o traballo teña relación directa coa atención ao paciente”, abundou.

Durante unha visita as súas instalacións, o titular do Goberno galego afirmou que estes obxectivos non serían posibles se non fose polo excelente capital humano do que dispón: máis de 1.000 investigadores clínicos e básicos intégranse en grupos de investigación organizados en 6 áreas de investigación: oncoloxía; xenética e bioloxía de sistemas; endocrinoloxía; neurociencias; plataformas e metodoloxía; e inflamación.

Todos eles están a realizar un traballo que permitiu desde 2010 desenvolver novos fármacos en máis de 1.600 ensaios clínicos; crear 4 empresas de base tecnolóxica e 3 unidades mixtas como, por exemplo, a Unidade Mixta de Investigación que desenvolven Roche e o CHUS a través da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de  Santiago; publicar máis de 4.500 artigos; e dirixir máis de 400 teses doutorais.

Segundo sinalou Feijóo, todos estes datos poñen de manifesto a importancia e o prestixio do instituto, que conseguiu captar desde a súa acreditación máis de 167 millóns de euros en 526 proxectos. Ademais de incrementar a participación en grupos ou alianzas estratéxicas nacionais e europeas.

O presidente da Xunta incidiu en que centros coma este converten os hospitais en centros de investigación que dispoñen dos instrumentos necesarios para resolver as preguntas que xorden entre o profesional sanitario e o paciente. “E por iso seguiremos apostando polos tres institutos de investigación sanitaria galegos: polo IDIS, polo Instituto de Investigación Biomédica da Coruña e polo Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur”, sinalou, animándoos a seguir traballando de forma coordinada.

Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que en total, en Galicia, están traballando 3.900 investigadores -2.000 no ámbito da investigación sanitaria e 1.900 noutras ramas-. E concluíu reiterando o compromiso de seguir mellorando as instalacións do Hospital Clínico Universitario de Santiago, coa ampliación de 23.000 metros cadrados e a reforma doutros 7.000.

Comentarios