A Exposición "Persoas" do fotógrafo Gabriel Tizón abre a Semana da Integración

A Exposición "Persoas" do fotógrafo Gabriel Tizón abre a Semana da Integración
A Exposición "Persoas" do fotógrafo Gabriel Tizón abre a Semana da Integración

Enmárcase dentro do proxecto UNINTEGRA de apoio a persoas refuxiadas que está a coordinar o Servizo de Relacións Exteriores da USC



A Sala de Artesoado e a Capela do Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela acollerán a partir deste mércores 12 a exposición ‘Persoas’, dentro do programa de actividades da Semana da Integración do proxecto UNINTEGRA, coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC.

A mostra, que permanecerá aberta entre o 12 de xuño e o 13 de xullo, conxuga fotografía e investigación para afondar nas consecuencias dos movementos migratorios e as crises humanitarias que se desencadean debido a conflitos bélicos, catástrofes naturais e cambio climático.

O acto inaugural da exposición, que terá lugar o mércores 12 de xuño ás 20:00 horas na Sala de Artesoado do Colexio de Fonseca, contará coa presenza de Antonio López Díaz, reitor da USC; Mª do Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos; Concepción Fernández Fernández, concelleira en funcións de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos; Patricia Muñiz, encargada de coordinación e investigación da mostra, e o fotógrafo Gabriel Tizón.  

As fotografías incluídas na exposición forman parte do traballo realizado nos últimos 15 anos por Gabriel Tizón nun total de 25 viaxes en máis de 20 países de Europa, África e Asia como Xordania, Líbano, Grecia, Hungría ou Siria, entre outros. A temática transversal da mostra son os desprazamentos involuntarios da poboación.

A Semana da Integración conta cun programa de actividades no que ademais se inclúen conferencias, un obradoiro e un ciclo cinematográfico de temática vencellada á problemática das persoas refuxiadas, facendo énfase especial na figura da muller e dos menores.

UNINTEGRA

UNINTEGRA é un proxecto cofinanciado polo Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da Comisión Europea, coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC, que se puxo en marcha a finais do 2017. “O principal obxectivo é promover o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida”, indica Víctor Arce Vázquez, vicerreitor de Estudantes e Internacionalización.

Comentarios