O traductor de Pipi Mediaslongas participa nun faladoiro na SELIC

O traductor de Pipi Mediaslongas participa nun faladoiro na SELIC
O traductor de Pipi Mediaslongas participa nun faladoiro na SELIC

Diversión, tenrura e humor, optimismo e ledicia son algúns dos ingredientes deste clásico universal e imprescindible creado por Astrid Lingren en 1941 e publicado catro anos despois

O personaxe de Pippi Mediaslongas e o legado literario da autora sueca Astrid Lindgren centrarán un faladoiro organizado por KALANDRAKA que se vai celebrar hoxe xoves, ás 20:00 horas, na SELIC de Compostela, coa participación do tradutor da obra, David A. Álvarez. “Pippi Mediaslongas” -Premio Gala do Libro Galego 2018 á mellor tradución- e “Pippi Mediaslongas embarca” son os dous primeiros volumes desta serie de aventuras protagonizadas por unha rapaza extravagante, rebelde e transgresora que se converteu nunha icona contemporánea coa que medraron moitas xeracións de nenas e nenos en todo o mundo.

Diversión, tenrura e humor, optimismo e ledicia son algúns dos ingredientes deste clásico universal e imprescindible creado por Astrid Lingren en 1941 e publicado catro anos despois, cunha enorme repercusión internacional. Inicialmente xerou moita controversia entre os sectores máis conservadores, pero axiña se popularizou polas rompedoras cualidades da protagonista, que rachaba cos estereotipos e actuaba de forma contestataria non só fronte aos maiores, senón tamén ante as convencións da escola, da familia e da sociedade da época.

Nesta conversa aberta á participación do público tamén se abordará a adaptación das historias de “Pippi Mediaslongas” a outros xéneros como o cinema ou a animación, ademais do formato impreso recuperado por KALANDRAKA, coas ilustracións orixinais e restauradas de Ingrid Vang Nyman.

Comentarios