Un total de 22 artistas participan esta fin de semana en Brión no “XIV Encontro coa Arte”

Un total de 22 artistas participan esta fin de semana en Brión no “XIV Encontro coa Arte”
Un total de 22 artistas participan esta fin de semana en Brión no “XIV Encontro coa Arte”

A novidade deste ano serán uns obradoiros de pintura de acuarela dirixidos ao alumnado do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión

Un total de 22 artistas, tanto galegos como doutros puntos de España, participarán no “XIV Encontro coa Arte. Lembrando a Antón Fraguas”, que terá lugar en Brión do 14 ao 16 de xuño. Tres días nos que pintores, fotógrafos, músicos e escritores homenaxearán ao autor distinguido este ano no Día das Letras Galegas e compartirán as súas técnicas e coñecementos entre eles e coa veciñanza.

Estes encontros son unha oportunidade única para contemplar en vivo o traballo de grandes creadores como Manuel Ayaso, Xosé Vizoso, Veiras Manteiga ou María Manuela, entre outros. Cun lenzo en branco, cada un dos artistas improvisará o seu particular estudio ao aire libre para traballar durante unhas horas de cara ao público. Estes obradoiros de pintura ao natural terán lugar na contorna da Igrexa de Os Ánxeles e nos xardíns do Hotel Casa Rosalía (venres 14, de 16:30 a 20:00 horas), na contorna do Río Pego (sábado 15, de 9:30 a 14:00 horas) e na carballeira de Santa Minia (domingo 16, de 10:00 a 13:30 horas).

Ademais, paralelamente terán lugar diversas actividades culturais abertas a toda a veciñanza como a inauguración da exposición coas obras doadas no XIII Encontro coa Arte “Lembrando a María Victoria Moreno”, que terá lugar na sala municipal de exposicións o venres 14 de xuño, ás 21:15 horas. Así mesmo, o sábado 15, ás 21:00 horas, o centro social polivalente acollerá “De abrentes e ocasos”, un recital poético-musical a cargo de Teatro do Atlántico no que participarán María Barcala, Aleixandre Lago e Xulio Lago, con Nani García á música.

OBRADOIRO DE PINTURA DE ACUARELA

Como novidade, este ano o alumnado do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión poderán participar nuns obradoiros de pintura de acuarela, que terá lugar nos seus centros escolares o venres 14 de xuño, de 10:00 a 12:30 horas. As clases correrán a cargo dos artistas José A. Regidor, Frutos Casado de Lucas e José Galarzo, participantes no evento.

Así mesmo, todos os rapaces e rapazas de entre 4 e 17 anos que desexen compartir xornada de pintura con estes grandes artistas poderán facelo participando no III Concurso de Debuxo e Pintura, que terá lugar o sábado 15 de xuño de 9:30 a 14:00 horas no paseo do Río Pego. Haberá tres categorías e as obras poderán ser realizada con total liberdade de técnicas, materiais e temática, sempre que se presenten nun tamaño non inferior a un folio DIN A4.

Haberá tres premios para cada unha das categorías consistentes en vales de 50, 30 e 20 euros para libros, xogos ou material escolar. Os premios entregaranse o domingo 16 de xuño, ás 13:30 horas, na carballeira de Santa Minia.

ARTISTAS PARTICIPANTES

Durante toda a fin de semana, na sala municipal de exposicións estará aberto un Mercado da Arte onde o público que o desexe poderá visitar unha galería de arte con obra dos distintos artistas participantes á venda. Este Mercado da Arte estará aberto o venres (16:30 a 20:30 horas), o sábado (de 9:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas) e o domingo 17 (de 9:30 a 14:00 horas).

Os 22 artistas participantes nesta edición de 2019 son: Alba Roqueta, Antón Sobral, Beatriz Ansede, Camilo Seira, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Frutos Casado de Lucas, Isabel Pintado, Javier del Valle, José A. Regidor, Laureano Vidal, Manuel Ayaso, Manuel Méndez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Rafael Arroyo, Ricardo de Arce, Siro, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro e Xosé Vizoso.

Comentarios