A Mesa entregará ás e aos concelleiros que se incorporan este sábado ás corporacións municipais unha "Guía para o uso do galego"

A Mesa entregará ás e aos concelleiros que se incorporan este sábado ás corporacións municipais unha "Guía para o uso do galego"
A Mesa entregará ás e aos concelleiros que se incorporan este sábado ás corporacións municipais unha "Guía para o uso do galego"

Este documento propón orientacións útiles nas tarefas de goberno ou oposición, sexa cal for a área e responsabilidade, que permitan colocar a lingua como necesidade que é en toda a súa acción, segundo afirmou Marcos Maceira na presentación

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou onte en Compostela a Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023) que entregará aos máis de 3700 concelleiros e concelleiras que se incorporan este sábado aos 313 concellos do país. Unha guía que, segundo asegurou o presidente da Mesa, Marcos Maceiras, na presentación, "propón orientacións útiles para cada concelleira ou concelleiro, nas tarefas de goberno ou oposición, sexa cal for a súa área e responsabilidade, que permitan colocar a lingua como necesidade que é en toda a súa acción". 

O obxectivo da Guía, que tamén está dispoñíbel para descarga na web da Mesa (ligazón), é que os concellos asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor do galego e dotar con recursos a planificación lingüística do concello, con actuacións transversais en todas as áreas municipais procurando o incremento do uso e prestixio da lingua propia de Galicia.

"A actividade municipal precisa da lingua en todo e a lingua galega precisa estar en todo e para todo para existir e se desenvolver con toda a normalidade que lle debe corresponder á lingua propia de calquera país", explicou Maceira, "por iso, entendemos a política de normalización como transversal, que debe implicar todas as áreas e todas as funcións, porque en todas elas debe estar unha lingua que ten a aspiración maioritaria de ser restituída na normalidade".

Algunha das actuacións recollidas pola Guía son que os concellos deben garantir a posibilidade de uso do galego en cada área e que debe haber unha práctica oral e escrita que a faga visíbel e audíbel, "tal e como acontece con calquera lingua realmente oficial e como podemos ver e ouvir nos seus territorios coas linguas oficiais de calquera das outras comunidades lingüísticas do Estado", afirmou Maceira, "nomeadamente co castelán".

A Mesa propón, así mesmo, fixar un período de cumprimento e execución que poida ser avaliado, corrixido e mellorado, como calquera outra acción política. Trátase, recordou o presidente da Mesa, dunha "proposta de mínimos que se deben garantir e de actuación sobre os que existe un acordo amplo desde hai anos mais que por desgraza seguen sen seren concretados".

Neste sentido, Maceira recorda que os concellos galegos teñen o dereito e o deber de impulsar o proceso de normalización da lingua galega como lembra o artigo 5 do Estatuto de autonomía. Isto implica asumir a responsabilidade que lles corresponde por seren as institucións máis achegadas á cidadanía. Porén, afirmou o presidente de defensa da lingua, "36 anos depois da aprobación da Lei de normalización lingüística, 31 da Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, 15 do PXNLG… continúa a existir unha importante desorientación sobre o que deben facer os concellos para participaren directamente na restitución, recuperación e rehabilitación da lingua propia de Galicia". "En moitos casos", asegurou, "limitan a normalización lingüística a unha área, reducida a un ámbito concreto, desligándoa do conxunto da actuación municipal, en ocasións o estritamente cultural, lúdico, ou protocolar".

As medidas propostas na Guía de uso da Mesa parten dos acordos asumidos unanimemente por todas as organizacións políticas de Galicia. Concretamente, da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias ratificada polo Estado español en 2001 e da Declaración universal de dereitos lingüísticos de 1996 asumida polo Congreso dos Deputados e polo Parlamento galego nese mesmo ano. Esta declaración está desenvolvida e concretada no Protocolo de Donostia para a garantía dos dereitos lingüísticos promovido por Kontseilua e impulsado por máis dun cento de entidades sociais de toda Europa, incluída a Mesa pola Normalización Lingüística e que conta co respaldo de institucións da relevancia da UNESCO, OSCE, UNPO, ELEN… A respecto das accións en cada área, a Guía parte doutro dos grandes acordos unánimes do Parlamento galego en relación á nosa lingua: o Plano xeral de normalización da lingua galega de 2004.

Comentarios