O BNG de Boiro apoiará un cambio de goberno no concello de Boiro

O BNG de Boiro apoiará un cambio de goberno no concello de Boiro
O BNG de Boiro apoiará un cambio de goberno no concello de Boiro

O apoio indicado foille comunicado ao PSdeG-PSOE desde a primeira toma de contacto entre ambas organizacións políticas, apoio transmitido "sen condicións"

O BNG de Boiro fixo público onte o seu apoio ao candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía no Pleno de Investidura que se celebrará o próximo día 15 de xuño, facilitando desde xeito un cambio no goberno municipal, e cumprindo coa palabra dada, tanto a nivel Local como Nacional, sobre o feito de que naqueles supostos nos que dependa do BNG non haberá nas vilas e cidades do noso País gobernos do Partido Popular. 

O apoio indicado foille comunicado ao PSdeG-PSOE desde a primeira toma de contacto entre ambas organizacións políticas, apoio transmitido "sen condicións", respectando deste modo "a vontade maioritaria da cidadanía de Boiro, e con total xenerosidade, consciente da importancia que para o noso Concello ten a posibilidade de contribuír a outra forma de facer política", asegura a formación nacionalista.

A postura da Asemblea Local do BNG de Boiro foi unánime desde o mesmo momento en que se coñeceron os resultados electorais do pasado 26 de maio.

Desde o BNG asegurar querer distanciarse daqueles "actores políticos do noso Concello que levan anos decidindo a súa acción política en virtude de contraprestacións en moitos casos de carácter persoal que contribúen a denigrar as institucións e ás persoas que forman parte delas".

Sinalan, por último, que o apoio comprometido á investidura do candidato do PSdeG-PSOE non pode entenderse "como un cheque en branco" e que, por tanto, ocupando o lugar "que lle corresponda ao BNG na lexislatura que agora comeza, seguiremos traballando en beneficio da cidadanía, antepoñendo sempre os intereses desta, desde a coherencia cos nosos principios políticos e coa única finalidade de lograr un Boiro e unha Galicia mellor." rematan.

Comentarios