Galicia di adeus a unha primavera de cambios bruscos de temperatura

Galicia di adeus a unha primavera de cambios bruscos de temperatura
Galicia di adeus a unha primavera de cambios bruscos de temperatura

A temperatura media estivo 0,4 graos por riba dos valores agardados nesta época do ano, marcada por valores máximos moi cálidos e mínimos algo máis fríos 

Galicia viviu unha primavera climatolóxica cálida e normal en canto ás precipitacións. Estas foron as principais características dun período que estivo marcado tamén polos cambios moi bruscos de temperatura, tal e como se recolle no resumo do informe estacional elaborado por MeteoGalicia.

Así, a temperatura media durante os últimos tres meses acadou os 12,8 graos, un valor lixeiramente por riba do habitual para esta época do ano (concretamente, 0,4 graos máis) e que fai que se poida considerar unha primavera cálida. A razón desta anomalía positiva hai que buscala nos valores das temperaturas máximas, que foron moi cálidas para esta época do ano aínda que se viron suavizadas polos valores das mínimas, que incluso resultaron lixeiramente frías.

A variabilidade, con cambios continuos e bruscos nas temperaturas, marcaron os últimos tres meses en Galicia. En marzo rexistráronse grandes oscilacións térmicas, o mes de abril deixou na comunidade acusadas caídas e subidas dos termómetros en días consecutivos e en canto a maio, estivo marcado polas dúas entradas de aire africano que trouxeron xornadas de tempo seco e moi caloroso, especialmente os tres últimos días do mes.

En todo caso, foi unha estación caracterizada polos contrastes e na que a comunidade tamén sufriu notables descensos térmicos, sobre todo nos meses de marzo e abril, ata o punto de que se contabilizaron 20 días con precipitacións en forma de neve nalgunhas zonas altas de Galicia e en oito deles, mesmo cunha cantidade de neve abundante.

ABRIL MOI HÚMIDO, MAIO MOI SECO

Polo que respecta ás precipitacións, a pasada primavera moveuse dentro da normalidade se as comparamos co período de referencia 1981-2010. O informe de MeteoGalicia conclúe que a cantidade de chuvia media recollida foi de 312 litros por metro cadrado, o que se traduciu nunha anomalía positiva do 3% respecto dos valores normais. Non obstante, tamén houbo excepcións como foi o caso da Serra do Suído, fronteiriza entre as provincias de Pontevedra e Ourense, onde se alcanzaron os valores de chuvia acumulada máis altos de toda Galicia: preto de 1.300 litros por metro cadrado.

Por meses, o comportamento foi bastante desigual, cun marzo normal desde o punto de vista das precipitacións; un abril que pode considerarse como moi húmido se se compara coa serie histórica rexional, xa que choveu un 72% por riba do agardado; e un maio que, pola contra, resultou ser un mes moi seco, cunha única xornada de precipitacións xeneralizadas (a do día 9) e nin sequera moi elevadas e un déficit hídrico do 62% con respecto aos valores normais.

Estes contrastes entre o comportamento meteorolóxico de abril e maio explican por que o balance global da estación se mantivo dentro de valores considerados normais, xa que a abundancia de chuvias dun mes compensou a carencia pola que estivo marcado o outro. 

Comentarios