Cine mudo con música en directo da man de Afundación e o seu proxecto "Sonoro empeño"

Cine mudo con música en directo da man de Afundación e o seu proxecto "Sonoro empeño"
Cine mudo con música en directo da man de Afundación e o seu proxecto "Sonoro empeño"

Os músicos Lois Carlín e Pablo Seoane acompañarán con música en directo a proxección de The cameraman de Buster Keaton

No marco do proxecto multidisciplinar Sonoro empeño. A música nas Coleccións ABANCA e Afundación, o vindeiro 18 de xuño, a partir das 20.00 h no Auditorio ABANCA (Preguntoiro, 23) proxectarase o filme de cine clásico mudo The cameraman, con acompañamento musical.  Lois Carlín e Pablo Seoane, con teclados, un sintetizador e un contrabaixo, poñerán a banda sonora a este clásico do cine mudo de Buster Keaton. 

Esta proposta responde o propósito da entidade de potenciar as experiencias interactivas dentro das súas actividades para estender a programación máis aló da propia exposición, mostrando na práctica o diálogo permanente entre as distintas disciplinas artísticas, e trasladar a actividade cultural fora dos espazos onde se desenvolve tradicionalmente.

A EXPOSICIÓN

A través de 51 pezas asinadas por artistas como Wassily Kandinsky, Pablo Picasso, José Manuel Broto, Óscar Domínguez, Rafael Úbeda, Urbano Lugrís, Luís Seoane, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Elena Gago ou Susana Solano entre outros, este proxecto expositivo ilustra a relación e os puntos en común que comparten a música e as artes plásticas. Mediante obras pertencentes ás Coleccións de arte de ABANCA e Afundación, asume o ambicioso reto de mostrar este vínculo, un tema recorrente ao longo da historia da arte que foi obxecto de numerosas teorizacións e reflexións e deu pé a novas formas creativas.

A mostra poderase visitar ata o próximo 15 de setembro no Centro Obra Social ABANCA, de martes a venres en horario de 17.00 a 21.00 h, e os sábados, domingos e festivos, de 11.30 a 13.00 h e de 17.00 a 21.00 h, e contará con servizo de audioguía.

Comentarios