O Gaiás acolle a World Robot Olympiad Galicia 2019

O Gaiás acolle a World Robot Olympiad Galicia 2019
O Gaiás acolle a World Robot Olympiad Galicia 2019

n total de 70 estudantes galegos de entre 6 e 19  participan nesta competición global de robótica educativa

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e Arkitas Robótica S.L., en calidade de aliado dixital da Xunta, traen hoxe ao Gaiás a World Robot Olympiad Galicia 2019 (WRO), unha olimpíada de robótica educativa de alcance internacional, que se celebra anualmente e que, cada ano, xira ao redor dunha temática diferente. Esta actividade enmárcase nas iniciativas do Plan DigiTalent para o fomento das vocacións TIC e a especialización dos perfís dixitais.

Os retos da edición de 2019 están dedicados ás Cidades Intelixentes. Os participantes deben construír, nun tempo récord, un robot innovador que supere un dos distintos retos propostos. As categorías da WRO GALICIA 2019 son: Regular ( WeDo,  Elementary e Junior High) e Football  Na xornada de hoxe haberá 70 rapaces e  rapazas agrupados en equipos participando en dous retos (Regular e  Football) con diferentes categorías, segundo as idades dos participantes, que van desde os 6 ata os 19 anos.

A participación na competición que se celebra en Galicia será clasificatoria para a fase nacional e a final internacional. A fase nacional, organizada pola Fundación educaBOT (https://fundacioeducabot.org), celebrarase en setembro en Platja d’Aro (Girona). Posteriormente, a final internacional terá lugar en novembro deste ano en Hungría. Na edición anterior, tres alumnos do colexio Compañía de María da Coruña xunto cun profesor participaron co seu robot na fase internacional, celebrada en Tailandia.  

World Robot Olympiad

A World Robot Olympiad é unha competición de robótica educativa de ámbito internacional, que ofrece aos nenos e nenas unha oportunidade de achegarse dunha maneira lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñería.

Os estudantes, coa orientación dun entrenador, deben construír un robot innovador que supere un reto en cada unha das categorías propostas. Na categoría Regular, os equipos deben construír robots que consigan a máxima puntuación ao resolver probas presentadas sobre un taboleiro. Na categoría Football, os equipos de dous robots autónomos enfróntanse co obxectivo de marcar máis goles que o equipo rival.

Así, aprenden e demostran a súa capacidade de resolución de problemas, ao mesmo tempo que desenvolven competencias persoais.

Como novidade, nesta quinta edición, cabe destacar o Reto Lego Wedo. O novo reto consiste en construír un robot que poida recoller aos nenos nas súas casas e transportalos á escola. Ademais, o robot tamén debe poder entregar froita á escola.

Esta actuación, realizada co aliado dixital Arkitas (www.arkitas.es), súmase ás quince iniciativas que veñen desenvolvéndose desde o inicio do curso 2018-2019 e coas que a Amtega e o sector TIC suman esforzos para avanzar no desenvolvemento de dous dos eixos estratéxicos do Plan DigiTalent: as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.

Portal de DigiTalent

Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no portal do Plan DigiTalent digitalent.xunta.gal. Esta web é o punto de acceso ao catálogo de actividades e permite unha consulta adaptada ás necesidades dos distintos perfís de usuarios, ofrecendo información personalizada, segundo rango de idades, datas e lugares de celebración, entre outros criterios.

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, concibiuse como un plan de actuacións vivo e aberto á colaboración e reflexión de todos os axentes do ecosistema.

Comentarios