Mirás de novo alcalde de Oroso co aopio do PSdeG e do BNG

Mirás de novo alcalde de Oroso co aopio do PSdeG e do BNG
Mirás de novo alcalde de Oroso co aopio do PSdeG e do BNG

Mirás obtivo os seis votos do grupo socialista e o apoio da concelleira do BNG Isabel Fernández, que entrará a formar parte do goberno orosán

Manuel Mirás foi elixido hoxe alcalde de Oroso no pleno de investidura e comprometeuse “a traballar coa mesma ilusión do primeiro día para construír entre todos un futuro mellor para o noso concello”.

Mirás obtivo os seis votos do grupo socialista e o apoio da concelleira do BNG Isabel Fernández, que entrará a formar parte do goberno orosán. Na súa intervención no pleno, o alcalde desexoulle sorte “a todos os concelleiros e concelleiras da corporación municipal, xa que a súa sorte será a dos veciños e veciñas de Oroso”.

“Polo que a min respecta, comezo un novo mandato como alcalde xa que así o decidiron os nosos veciños, e o fago co compromiso de traballar cada día para que Oroso sexa un lugar mellor para vivir”, manifestou.

Mirás lembrou que “foron moitas as prioridades para o meu pobo que me fixei como alcalde e a día de hoxe son xa unha realidade; son un firme defensor dos servizos públicos, por iso a sanidade e o ensino público, os servizos sociais, a cultura e o deporte foron, son e serán piares de goberno imprescindibles”.

O alcalde fixo un repaso do conseguido para Oroso nos últimos anos pero afirmou que “os veciños non nos votaron o pasado 26 de maio para mirar atrás, senón para seguir traballando; por iso xa está licitada a remodelación da praza da Foca para aliviar o tráfico en Sigüeiro e conseguimos que o Ministerio de Fomento acepte a nova circunvalación, que irá desde a rotonda fronte ao Familia ata a bifurcación da estrada de Lavacolla”.

“E por iso Oroso contará cun novo Auditorio Municipal, cun novo polígono industrial; completaremos a rede de sendas peonís, transformaremos a rede de alumeado público con tecnoloxía LED e, no eido do deporte, incrementaremos as instalacións cun novo polideportivo e un novo campo de fútbol en Oroso que xa está en marcha”, apuntou.

“Cando cheguei por primeira vez á alcaldía, Oroso era unha cidade dormitorio, un lugar ao que a xente viña a durmir, pero despois pasaba todo o día en Santiago ou otros concellos; co apoio de todos os veciños e veciñas, conseguimos cambiar a situación, Oroso é hoxe un bo lugar para vivir ou criar a un fillo, con todos os servizos necesarios para o día a día”, engadiu.

“Pero non me conformo, queremos seguir mellorando, queremos reforzar o sentimento de orgullo e pertenencia que vemos nas novas xeracións de Oroso; e por iso, prometo traballo, traballo e traballo”, rematou.

Comentarios